Un chisco máis de historia

O Castro de San Lourenzo da Pobra do Brollón xa conta con visitas guiadas

Serán diarias e gratuítas ► As rutas das fins de semana incluirán un pequeno paseo pola parroquia de Cereixa, berce de María Castaña
Traballos de escavación no Castro de San Lourenzo
photo_camera Traballos de escavación no Castro de San Lourenzo

Esta sábado arranca a campaña de visitas guiadas ao Castro de San Lourenzo, situado na parroquia de Cereixa, na Pobra do Brollón. Desenvolveranse ata o 15 de agosto e contarán con dous turnos diarios.

As visitas serán gratuítas e realizaranse mentres teñen lugar os traballos arqueolóxicos, polo que “os visitantes poderán ver o proceso arqueolóxico en tempo real,” comenta Xurxo Ayán, director do proxecto. Grazas a estes traballos xa se exhumaron restos dun edificio romano así como pezas cerámicas, moedas e outros utensilios.

De luns a venres, os visitantes poderán achegarse ás 11.00 horas ou ás 19.00 horas directamente ao castro onde realizarán un percorrido guiado de aproximadamente 45 minutos polo xacemento. Para chegar ao castro, pódese buscar en Google Maps (Castro de San Lourenzo) ou ben chegar á parroquia de Cereixa e, unha vez na LU-652, coller o desvío sinalizado en fronte da igrexa.

As explicacións incluirán a historia detectada ata o momento no xacemento, da época romana e altomedieval, así como as relacións actuais entre a parroquia e o castro. Ademais, aproveitaranse as vistas panorámicas do lugar para falar da paisaxe circundante.

As fins de semana ofrécese, tamén ás 11.00 horas e ás 19.00 horas, un formato máis completo cun pequeno paseo para chegar ao castro. A ruta parte da Parrillada O Fogón en Cereixa e, mentres se camiña, haberá explicacións da historia viva da parroquia e a súa personaxe máis senlleira, María Castaña. A visita acabará no castro. A duración aproximada deste paseo – ida e volta – é de unha hora e media e uns 2,5 km.

Ao final das visistas mostraranse as pezas atopadas ata o momento. Para máis información e reservas, pódese contactar a través da páxina de Facebook do proxecto, Sanlourenzo.net, ou ben no teléfono 666 435 832. Tamén se admite a posibilidade de reservas para grupos fóra do horario sinalado.

Comentarios