O Castrismo sen Fidel

A sorpresa coa que a carta de renuncia de Fidel Castro colleu á comunidade internacional semella algo esaxerada. Quen non agardaba unha retirada oficial dende a súa desaparición física en xullo de 2006? Non era serio iso de ver ao Comandante vestindo un chándal Adidas para recibir a outros xefes de estado. Pobriño. Claro que moitos preferirían o seu certificado de defunción antes que esta baixa voluntaria.

De todas as formas posibeis de eclipsarse, Fidel Castro optou por un mutis ao que non nos teñen acostumados as dictaduras: na práctica, está abdicando no seu partido, representado para a ocasión pola Asemblea do Poder Popular. As dictaduras non rematan dun xeito tan fluído, a non ser que se convirtan en dinastías familiares, como a dos Duvalier en Haití (1957-1986) ou a de Kim Il Sung e Kim Jong-il en Corea do Norte (dende 1948 ate non sabe cando). Mais ningún destes modelos casa coa Cuba actual. O Castrismo é outra cousa, e quizais poida seguir sendo sen Fidel.


A transición de quen?: Alternativas a Castro
A efectos prácticos, este Castrismo sen Fidel xa comezou hai 19 meses. O xesto do Comandante queda cando menos como unha despedida digna: mellor abandonar o cargo por decisión propia que por imperativo luctuoso. Mais un anuncio así admite moitas lecturas. Algúns dirixentes internacionais contrarios ao réxime expresaron a súa ledicia por esta retirada, dando a entender que co Comandante desaparecería tamén o comunismo da illa. Ben, son cousas que están pouco menos que obrigados a dicir, teñen que adoptar o seu papel habitual. Con todo, nin eles nin os exiliados aos que dan asilo están convidados a este proceso. Nos vindeiros meses quizais vaiamos asistir a unha transición política tal e como tanto se anuncia dende algúns sectores, case con ansiedade, aínda que máis ben esta inflexión semella antes un cambio de líder que un cambio de sistema.

Os nomes que se barallan para suceder a Fidel abranguen dende a vella garda representada por Raúl Castro (76 anos) ate a hipotética renovación que suporía Carlos Lage (57 anos). O domingo Cuba terá un presidente distinto ao barbudo que dirixiu o país durante os últimos 49 anos. Sexa quen sexa, o verdadeiro cambio só chegará coas reformas que ese herdeiro se atreva a iniciar. Ábrense aí moitas dúbidas das que só vou formular unha: Aparecerá na illa algunha alternativa política con posibilidades de acceder ao poder á marxe do Partido Comunista?


Entre o debate interno e a ameaza intervencionista
A despedida de Fidel Castro ten, por agora, máis trazas de converterse nun feito simbólico que de precipitar a fin do réxime. Malia todas as privacións económicas que soporta o país, nin Raúl Castro nin Carlos Lage semellan dispostos a legalizar outros partidos. O debate político fica restrinxido polo tanto aos cadros comunistas, sen ningún diálogo co exilio. Os únicos cambios que se veñen anunciando van ser de carácter económico, suprimindo algunhas prohibicións, pero sen dinamitar o sistema.

Isto significa que o futuro goberno debería estar blindado contra as inxerencias estadounidenses, aínda que un nunca pode saber en que leas anda metido Washington: tanto pode levantar o bloqueo económico como, máis ben, tentar financiar unha resistencia interna. Veremos algún destes días o Malecón ateigado de opositores como se fose a Praza da Independencia de Kiev? E Fidel? Chegará el a ver algo así? Unha cousa é que renuncie, e outra ben distinta é que dentro duns meses vaia estar baixo terra. Claro que, afirmar que lle quedan moitos anos de vida é se cadra aínda máis arriscado, tendo en conta neste verán podería cumprir os 82. Mellor non opinar: a súa saúde é segredo de estado.

Comentarios