O Castañazo Rock xuntará a Sés, Liviao de Marrao ou La Gossa Sorda o día 31

A organización do festival quere repetir o éxito de asistencia do 2014 cun variado programa
O mercado gandeiro de Chantada, cheo de xente nunha das últimas edicións do Castañazo RocK. AEP
photo_camera O mercado gandeiro de Chantada, cheo de xente nunha das últimas edicións do Castañazo RocK

Seis formacións, entre as que están os locais Liviao de Marrao, a mediática Sés, os valencianos La Gossa Sorda ou os húngaros Paddy and the Rats actuarán o vindeiro sábado 31 no mercado gandeiro de Chantada, no marco do Castañazo Rock. Os organizadores do festival chantadino retan á superstición e programaron unha noite de concertos na que se tocarán diferentes estilos para a edición número 13 do certame.

No 2014, o Castañazo Rock reuniu case tres milleiros de persoas nunha convocatoria que festexaba o vinte aniversario do manifesto bravú firmado no 1997 nas terras do Asma, co que se platexaba unha nova forma de entender a relación coa música que xermolaba na aldea. Con motivo dunha data tan significativa apostouse por un programa excepcionalmente variado con grupos da terra pero tamén doutros lugares da península e tamén formacións internacionais. A fórmula foi un éxito e O Castañazo firmou a súa edición máis multitudinaria con preto de 3.000 asistentes. Por iso, e segundo explica Miguel Piñeiro, un dos membros da organización, este ano quíxose seguir na mesma liña de mesturar estilos.

O programa polo miúdo coñeceráse o venres pero a organización xa desvelou onte os seus puntos máis fortes. Os concertos da noite correrán a cargo de Sés, unha das voces con máis tirón do panorama musical galego; ou dos localis Liviao de Marrao, que presentarán o seu segundo álbum, titulado ‘Que cada câo lamba a súa caralla’, e que serán os encargados de poñer a nota bravú e reivindicar así as orixes do Castañazo.

Pero os que se acheguen a Chantada tamén poderá desfrutar do rap e dunha formación emblema coma Dios ke te Crew, que ofrecerá en Chantada o seu único concerto deste ano no marco dun festival galego.

De fóra de Galicia chegan os navarros ‘Berri Txarrak’ que presentarán o seu novo disco ‘Denbora da Poligrafo Bakarra’. Este ano cumpren dúas décadas sobre os escenarios con temas que van dende o hardcore ata o indie. Os valencianos de La Gossa Sorda porán a nota de punk e ska á noite. A formación está a piques de disolverse e Chantada será un dos últimos palcos nos que actúen xuntos. A internacionalidade correrá cargo da banda húngara Paddy an the Rats que mestura o punk e o folk e chega por primeira vez á comunidade.

O Castañazo convertiuse nos últimos anos nun referente dos festivais en Galicia que serve para revitalizar Chantada en pleno outono.

Comentarios