O camiño trillado, por Javier Nogueira

Máis de vinte anos despois da súa publicación, a biografía de Francisco Franco escrita por Paul Preston mantense nun altar do que será practicamente imposíbel derrubala

AO MELLOR non lles gusta o meu traballo como crítico. Hai tempo co teño asumido e non é algo que me moleste. Pode que prefiran outras seleccións ou que o estilo lles pareza barroco de máis. Pero non poderán negar que son un hermeneuta xentil e isto por unha razón: trato de evitarlles críticas de actualidade, eses eventos consuetudinarios que nos últimos tempos resultan bastante atafegantes.

Hai pouco máis dun mes que se celebrou o cuadraxésimo cabodano do pasamento de Francisco Franco. A ocasión deu para as tradicionais polémicas e para comprobar que o réxime sobrevive a pesares da democracia. Está vivo porque os españois somos incapaces sequera de escribir a nosa propia historia. Aínda estou agardando a que unha editorial da pel de toro decida traducir Endgame for Eta: elusive peace in the Basque Country, de Teresa Whitfield. O libro foi publicado no Reino Unido por unha editorial practicamente clandestina: Oxford University Press.

Outra proba disto é o feito de que as mellores biografías dos principais personaxes do século XX en España sexan obra de hispanistas —con algunha recente e honrosa excepción como Negrín e Moradiellos— e que as tentativas do país teñan sido saudadas con enorme polémica. Máis de vinte anos despois da súa publicación, a biografía de Francisco Franco escrita por Paul Preston mantense nun altar do que será practicamente imposíbel derrubala. A editorial Debate, tirando proveito da efeméride, reedítaa con dous engadidos de grande valor. O primeiro, unha reflexión sobre os distintos enfoques das biografías do ditador e a pegada dos mitos franquistas na nosa sociedade hoxe en día; o segundo, unha breve análise sobre un aspecto pouco estudiado ata o momento: o antisemitismo de Franco, abrandado só polo feito evidente de que poucos membros do pobo escollido quedaban en España cando desatou a violencia contra o réxime legalmente constituído da República.

Nun breve prólogo escúsase o autor doutras dúas fallas, xa sinaladas en anteriores edicións da obra. A atención a traxectoria persoal do militar e as evidentes limitacións de espazo —a realidade é que para estudar unha figura tan complexa sería preciso unha serie como a que levou a cabo Luis Suárez, só que sen o fedor ultradereitista do haxiógrafo— supuxeron que dous aspectos quedasen fóra do seu alcance: a represión e a corrupción. Poucas veces dúas carencias foron tan prolíficas para a cultura española. A primeira deu orixe a El Holocausto español, convertido en clásico instantáneo sobre a morte na Guerra Civil; Preston prometeu abordar a segunda no seu próximo libro: unha historia do século XX español a través da corrupción política. O que non aclarou o hispanista de Merseyside é se precisaremos algún medio de transporte para sacar tal volume das librarías correspondentes.

A narración da historia de Franco nestes momentos non é máis ca un camiño trillado. Moitos pasaron por el e xa hai un consenso do que só fuxe a ultradereita, protexida polas leis de punto final da Transición. Pero esta non deixa de ser a perspectiva do intelectual, tanto escritor como lector. As novas xeracións —evitemos o escarnio e maldizer— teñen no mellor dos casos a imaxe dun ancián impotente —por cada documental ou libro sobre os anos corenta pode haber ducias sobre os setenta— e no peor... ningún coñecemento da ditadura.

Por iso a obra de Paul Preston, alomenos en fragmentos, debería ser lectura obrigada nas escolas españolas. O mesmo autor afirma que hai aspectos do personaxe que caen nas sombras pola súa personalidade, mais todos aqueles que poden recibir luz, recíbena. Vemos a un Francisco Franco de ascenso meteórico nun exército no que aprendeu a crueldade, os seus triunfos na dobre fronte da Guerra Civil (purga de republicanos e posíbeis rivais), o período fascista máis auténtico e o interesado xiro cara o bloque anticomunista coa inestimábel axuda da desmemoria estadounidense. E por todas partes a dolorosa realidade: un ditador á medida dun país, inculto e arteiro pero cunha capacidade de supervivencia política asombrosa.

Comentarios