O camiño de Bragado

Jesús García Bragado fixo historia no recente Mundial de Daegu. A piques de cumprir os 42 anos e con cinco xogos olímpicos ás súas costas, o español decidiu afrontar o calvario dos 50 km marcha para asinar 10 participacións consecutivas nuns mundiais de atletismo. Ningún atleta na historia conseguiu nunca encadear tantas citas na elite do atletismo. Por desgraza Bragado non puido rematar a proba, foi descualificado, pero o seu atrevemento merece ser distinguido, e máis cando a súa profesión pasa por percorrer a distancia que hai entre Santiago e Pontevedra sen poder erguer os dous pés ao mesmo tempo.

De sempre Bragado sinalou que a súa estratexia non consistía en afogar os rivais con cambios de ritmo. O madrileño sempre foi un super diesel, o seu era “recoller cadáveres polo camiño”. Unha expresión que deberían asumir Celta e Deportivo na súa folla de ruta para conquerir o ascenso. Por diante queda unha longa travesía, 40 partidos nos que haberá de todo. Momentos doces, situacións de incerteza, derrotas inesperadas... O ano pasado Rayo e Betis tamén viviran momentos de dúbida, pero souberan xestionalos levando o premio do ascenso. O Celta terciara con eles, pero derrubárase no último terzo de Liga. Os vigueses xogan agora coa experiencia do ano pasado mantendo o mesmo bloque e a mesma filosofía de xogo. Conter o rival para matalo nas contras. Un estilo que se amolda mellor lonxe de Balaídos e no que a eficacia volve estar presente neste inicio ligueiro. Dous partidos –en Murcia
e Huelva–... Dúas vitorias. O Deportivo debe tomar nota, debe amoldarse a esta nova categoría sabendo sacar conclusións da derrota ante o Hércules.

Ser o equipo favorito e o de maior presuposto non che outorga o ascenso; é máis, engade unha presión que non axuda. O Dépor debe ir partido a partido, deseñando un estilo que contrarreste a rivais pechados na súa área e que saben desenvolverse en campos pequenos, co céspede en mal estado... capaces de impacientar a Riki, Valerón e compañía. Desde logo, é mellor tropezar agora que na xornada 25 pero o Deportivo xa leva dous avisos. Ante o Recreativo xurdiu Aranzubia. Antonte en Riazor demostrouse que isto non será un camiño de rosas. Toca ir chanzo a chanzo para, como dicía Bragado, poder recoller cadáveres no camiño do ascenso.

Comentarios