O bravú reconquista Chantada

Xogo da billarda, Falperrys en concerto e a corrida de leiteiras. toño parga
photo_camera Xogo da billarda, Falperrys en concerto e a corrida de leiteiras. toño parga

Os chantadinos sempre puideron gabarse da aposta cultural do seu pobo, de que aquilo de ‘Chantada corazón de Galicia’ vaia máis aló dunha fórmula publicitaria ou dunha referencia xeográfica. Igual Chantada non é o corazón de Galicia exacto se de coordenadas falamos, pero do que non cabe dúbida é de que o seu casco histórico agocha unha das vilas con máis traxectoria cultural e de ocio do interior galego.

Un dos momentos de eclosión desa cultura foi o ano 1994 cando as terras do Asma e a cantina O Caballero de Viana arrouparon o denominado movemento bravú. A corrente, con manifesto incluido, prestou abrigo a Alberto Casal, Manuel Rivas, Suso Iglesias ou Santiago Jaureguizar e foi punto de apoio para formacións coma Os Diplomáticos.

Pero o santo e seña do bravú no eido musical foi a formación Os Rastreros, xenuinamente chantadina, e, por extensión, o Castañazo Rock, un festival onde riba do escenario se puña de manifesto o que os xornalistas do momento chamaban ‘agropop’ e os seus protagonistas preferían definir como rock de aldea, sen capar, de volta ás orixes.

O Castañazo celebrouse media ducia de veces dende 1993 e foi no 2007 cando un grupo de chantinos -algúns viviran o movemento en directo e outros recolleron a influenza que deixou no programa Xabarín-, decidiron que era hora de recuperar o berro bravú.

A proposta tivo continuidade e onte a vila do Asma acolleu a novena edición do Catañazo Rock que destacou pola variedade do seu programa e o multitudinario respaldo do público. O mercado gandeiro foi o refuxo de centos de personas que dende media mañá participaron nos múltiples xogos organizados.

As actividades comenzaron de mañá con un concurso de cantos de taberna e un Castañazo infantil que incluíu a actuación da formación de animación Os Tres Tenedores. Pola tarde, as portas do mercado gandeiro abríronse ás 17.00 horas e dende aquela ata a madrugada foi todo festa.

Un total de corenta personas tomaron parte no cuarto aberto de billarda. Despois chegaron os xogos bravús que foron un dos momentos máis emocionantes da tarde. Enfrontáronse un total de doce equipos, integrados por catro persoas cada un, que tiveron que salvar probas coma o lanzamento de boina, o arrebolamento de ourizos, movemento de marcos e corrida de leiteiras. A maiores houbo probas relacionadas con xogos tradicionais como a ra, o aro, o trompo ou os birlos nas que puideron participar todos os presentes.

A música comezou á media tarde cun acústico da banda Skarallaos, tamén a encargada de cerrar as actuacións da noite. E máis tarde, sobre as 21.00 horas, no escenario foron dando o relevo Falperrys, Habeas Corpus, Bohemian Betyars, Reincidentes e The Locos.

Un dos momentos máis intensos foi o protagonizado por Habeas Corpus xa que a banda madrileña foi seguida con devoción polo público. Non menos valorada foi a actuación de Reincidentes, a formación sevillana subiu ó escenario para mostrar ó público o seu rock máis puro e iste respondeu, con aplausos e con moito baile.

Comentarios