O bosón

HAI DEZ OU DOCE días todos os xornais publicaban fotografías dos asistentes ao acto que se celebrara en Xenebra, na sede do Consello Europeo para a Investigación Nuclear, cando os responsables das investigacións comunicaban aos seus colegas o que xa viña sendo cualificado como un dos máis importantes achados da historia da ciencia. Nas fotos podíase ver un amplo salón de actos coa totalidade dos seus asentos ocupados por mulleres e homes que atendían con visible interese as explicacións que alguén lles estaba a dar, e nos rostros risoños de todos eles coñecíase a ledicia propia de quen celebra o remate dun traballo longo no tempo e cheo de atrancos e dificultades na execución. E o observador sabe que os que aparecen nas imaxes son todos sabios -e sabias- por máis que case ningunha e case ningún deles responda á visión tópica do científico abstraído nas súas cousas e desleixado das do común -se un se fixa ben advirte que chegan os dedos das dúas maos para levar conta dos que usan lentes, que non sexan dos de contacto- e vense ben vestidos, ben peiteados -tamén escasean os calvos e os de descoidada melena branca-, ben barbeados -os homes, claro- e nada hai que os poida diferenciar dos asistentes á proxección dun documental da National Geographic.

Sabios do século XXI que procuran descubrimentos para o futuro, como o que anunciaron nese acto de Xenebra o pasado día 4 e que, segundo publicaron os medios de comunicación, co moi plausible propósito de iluminar no posible as tebras da ignorancia na que algúns nos movemos, é «a primeira cousa que existiu unha fracción de segundo despois da orixe do noso universo»: a chamada ‘Partícula de Higgs’, algo que o físico dese nome conxecturara -con outros colegas- hai xa cincuenta anos e que fora desde aquela obxecto dunha procura que soamente podería dar froito se existía a posibilidade de se valer dun acelerador de partículas como o do Consello Europeo para a Investigación Nuclear. Ou sexa, un logro coa suficiente transcendencia como para que pague a pena achegalo ao rego propio como pretendía facer estoutro día o titular dun cargo de mediana relevancia nalgún ministerio a quen entrevistaban na radio e que, aínda que o tema da entrevista nada tiña que ver co asunto e os coñecementos que sobre a materia demostraba o entrevistado resultaban comparables aos meus, insistía unha e outra vez en referirse ao logrado en Xenebra para, sobre todo, facer fincapé no que el chamaba «europeidade» do descubrimento. «Esta Europa é na que, grazas ao Goberno, estamos nós hoxe, e iso cómpre que o saiban os cidadáns...» , dicía erguendo o ton de voz e recalcando cada palabra, e era como se todos os sabios da fotografía fixeran o que fixeron debido ás enérxicas presións que o señor Rajoy exercera xusto antes de asistir a un partido internacional de fútbol.

E un celebra que os asesores do Presidente non andaran daquela moi agudos de reflexos e lles dese por argallar unha entrega oficial, ao estilo Códice Calixtino, aproveitando que nada menos que o propio Peter Higgs estaba ese día no salón da actos do CERN. «Aquí ten, mister Higgs, o seu bosón, que xa apareceu». Non digo eu que a cerimonia non fose todo o aparente que sería de desexar nin que mesmo resultase bastante útil como manobra de distracción, pero vista a ruín navallada que nos asestou soamente catro días despois do paripé na catedral de Compostela, vaites, vaites...

Comentarios