Domingo. 19.11.2017 |
El tiempo
Domingo. 19.11.2017
El tiempo

O bo relato do paraíso

No pasado era o poder o que estaba representado en pinturas e estatuas. No futuro, quedarán do noso tempo sobre todo as fotos dos perdedores. Polas ausencias saberemos quen saíu mellor parado

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

DESPOIS DE todo o pasado estes días, cheguei á conclusión de que a Humanidade se atopa no momento xusto do tránsito no que deixará de estar composta por persoas e irá mudando a capítulos de relatos. No futuro, escolleremos o personaxe que queremos ser das nosas vidas e soñaremos cun final feliz, nalgún paraíso artificial, mentres os guionistas nos ofrecen episodios e tempadas sen fin.

GUSTO. Lendo estes días as boas novelas de Sergio Vila Sanjuán sobre Barcelona, Estaba en el aire e Una heredera de Barcelona —as dúas en Destino—, decátome do peso da mendociana La ciudad de los prodigios nas posteriores recreacións literarias da cidade. É como cando volves ver Blade Runner e recoñeces todo o ronsel que deixou no cine posterior. La Vanguardia amosou nun mapa a correspondencia case perfecta entre as localizacións ficcionais da Barcelona literaria e o relato burgués sobre a cidade. Pero hai unha excepción: Carlos Zanón coa súa recente Taxi (Salamandra). Ao ver sobre o mapa as súas localizacións sobre as periferias poligoneiras e obreiras, prendéuseme a voraz fame da lectura.

OÍDO. Pensei nisto o outro día, visitando en Compostela a exposición A intimidade da imaxe, comisariada por Margarita Ledo a partir do enorme arquivo fotográfico dos 70 e 80 cedido por Ana Turbau ao Consello da Cultura Galega. A crítica Natalia Poncela levoume a unha foto. No enterro en Compostela dun garda civil asasinado por terroristas, un home fai o saúdo fascista. "É valiosa porque en Galicia case non temos fotos da ultradereita no tempo da Transición", díxome. No pasado era o poder o que estaba representado en pinturas e estatuas. No futuro, quedarán do noso tempo sobre todo as fotos dos perdedores. Polas ausencias saberemos quen saíu mellor parado.

VISTA. Experimento Salva el tiempo, a aplicación de realidade virtual da serie El Ministerio del Tiempo. Como producir unha narrativa visual e de argumento sofisticado aínda é moi caro, por agora hai que conformarse con tristes puzzles. Aínda así, para un seguidor da serie a app é un pracenteiro masaxe cerebral. Profetizar futuros é o mellor xeito de trabucarse no mundo da tecnoloxía, pero é difícil non pensar que este novo xeito de contar terá certo percorrido.

Acáballe de facer gañar un Óscar especial a Alejandro González Iñárritu por Carne y arena, unha experiencia de realidade virtual sobre os emigrantes mexicanos que atravesan a fronteira.

OLFACTO. Hai libros que só se deben degustar cando o ánimo está predisposto para iso. Penso niso cando abrín hai unhas semanas algunha das páxinas de Pequeños paraísos. El espíritu de los jardines, do arxentino Mario Satz (Acantilado, 2017), e atopei tanta fermosura que decidín gardalo para cando tivese ánimo. 

Erudito e mínimo este libro, concentrado e explorador, unha das súas teses é que a construción de xardíns desde a época de Babilonia responde á dunha necesidade humana: a da existencia do Paraíso, ou o que é o mesmo, unha lonxeva dimensión temporal, a vexetal, que supera a nosa existencia e, polo tanto, desafía a nosa capacidade de comprensión. "A árbore que ti esquenciches aínda se lembra de ti", dicía Atahualpa Iupanqui nunha canción. Un espazo onde, por non ser aparentemente humano, atopamos acougo.

TACTO. Iso faime lembrar unha das historias máis curiosas de don Ramón Otero Pedrayo. O seu pai plantara unha araucaria. Don Ramón chamábaa o seu irmán. A árbore derrubouse sobre o pazo de Trasalba en 1972 e o petrucio pediu que se gardase a madeira para o seu cadaleito. Así que o último tacto das carnes de Otero Pedrayo foi coa materia vexetal que se formou canda el ao longo do tempo. O profesor Alonso Romero acaba de publicar un brillante artigo no Anuario Brigantino ao redor da vella fascinación galega cos poderes das árbores. Coido que no fondo, o que sentimos por elas é unha estraña admiración.

CONCENTRACIÓN. Farto da Catacousa, quito as redes sociais do móbil, ou sexa, fago un María Yáñez, en homenaxe á pioneira na desconexión persoal. Cando, tres semanas despois, escribín deseguido un relatorio para un congreso sen mirar nin unha soa vez Twitter, decateime de que hai que poñer nunha balanza canto gañamos e canto perdemos con estas redes.

O bo relato do paraíso