O BNG ve o recorte das pensións como ''unha puñalada''

A busca de apoios para a folga xeral que convocou o sindicato nacionalista CIG para o 27 de xaneiro foi un dos motivos da visita á comarca do portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, quen considera «unha puñalada» á sociedade a reforma das pensións que pretende levar adiante o Goberno central.

O líder frentista reuniuse onte pola mañá con representantes do comité de empresa de Alcoa e logo xantou cos traballadores da factoría sancibrense. Ademais, explicou o contido da reforma das pensións en Riotorto e Foz.

Guillerme Vázquez asegurou que a sociedade está «diante dunha nova agresión aos dereitos básicos dos cidadáns, cun retallamento significativo das pensións públicas», que ó seu xuízo terá maior repercusión en Galicia, onde a media das pensións se sitúa por debaixo do Estado «e onde hai un maior número de xubilados». O nacionalista considera que tanto este recorte como o aumento da idade de xubilación non é só cousa do PSOE, senón que «está apoiado con maior ou menor disimulo polo PP» e cre que a orixe está en «políticas ditadas polos amos das finanzas, dirixidas a manter os seus beneficios pero non a solucionar ningún problema real».

Na opinión de Guillerme Vázquez, a reforma das pensións non ten xustificación técnica e «o seu único obxectivo é beneficiar á banca para a que a xente se pase ás pensións privadas».

O portavoz nacional do Bloque reuniuse tamén cos traballadores despedidos de Sargadelos, tema sobre o cal tamén se pronunciaron os senadores lucenses do PP, -José Manuel Barreiro, Mariña Gueimunde e Armando Castosa- que esixen ó Goberno central axudas para estes operarios ata que poidan acceder á xubilación. Ese é o obxectivo dunha moción que presentaron para o seu debate na Comisión de Trabajo do Senado. Os populares agardan que o Executivo faga un «esforzo» para que opten a estas axudas seis dos oito traballadores que cumplen todos os requisitos para optar a elas, como a idade e antigüidade.

Lei de augas

Por outra banda, o BNG da Pontenova iniciará este fin de semana unha rolda de reunións cos veciños das once parroquias do concello para explicarlles o contido e as repercusións da Lei de Augas que acaba de aprobar a Xunta. A candidata, Mónica Rancaño, participará nos encontros, que se celebrarán mañá ás 18.00 horas na escola de Vilaboa e o domingo nas de Vilarmide, ás 12.00, e Xudán, ás 20.00 horas. O portavoz municipal, Jorge Gómez, sostén que esta normativa ten un fin «exclusivamente recadatorio» e suporá «multiplicar por tres o actual canon para tódolos usuarios que teñan abastecemento e saneamento público xestionado pola Xunta».

Comentarios