O BNG e A Mesa esixen unha investigación sobre a ''lamentable'' conducta da Policía Nacional

As actitudes ameazantes de membros da Policía Nacional cara algúns viandantes na fin de semana do Día da Patria por empregar a lingua galega na súa presenza non pasou desapercibida para A Mesa Pola Normalización Lingüística nin para o BNG, que non están dispostos a que estes feitos queden impunes.

O partido nacionalista rexistrou unha iniciativa parlamentaria no Congreso dos Deputados a través de Francisco Jorquera, o seu portavoz na Cámara española. nela demanda ao Goberno a adopción de medidas disciplinarias contra o axente de policía que ameazou a unha xornalista andaluza con frases como ''Corre, no vaya a ser que te demos unas hostias'', despois de que esta se mostrase respetuosa coa denominación oficial da compostelana Praza da Pescadería Vella.

O parlamentario da formación frontista afirma que ''sobran palabras para descreber a violencia, o odio e a agresividade do axente policial para cunha cidadana que estaba a ser respetuosa coa lingua galega''. Jorquera considera que dada a gravidade dos feitos, o Goberno debe proceder a apertura imediata dunha investigación e adoptar as medias pertinentes.

Jorquera denuncia tamén outras ''lamentables'' conductas da Policía Nacional que ''impediu a moitos o acceso a distintos puntos da cidade por portar bandeiras nacionalistas no Día da Patria Galega. Incluso houbo axentes que puxeron impedimentos para acceder con bandeiras á Praza da Quintana'', protesta.

Dado o acontecido, o deputado nacionalista dirixe ao Goberno unha serie de preguntas: ''Vai o Goberno a investigar estes feitos? Que medidas vai adoptar respeito á conducta do axente da Policía que ameazou a unha xornalista de El Pais? Vai adoptar medidas disciplinarias? Non cre o Executivo que a súa conducta é absolutamente reprobable por ameazar a unha cidadana e manifestar unha falta de respecto total á lingua propia de Galicia?''.

Investigación ''seria, transparente e profunda''
A Mesa Pola Normalización Lingüística, nunha liña similar, esíxelle ao Ministerio de Interior que realice unha investigación ''seria, transparente e profunda'' sobre ''os repetidos casos de criminalización da lingua galega e dos símbolos galegos por parte dalgúns axentes da Policía Nacional''.

O presidente da Mesa, Carlos Callón, considera que se trata dunha ''tentativa deplorable e antidemocrática de criminalizar a lingua galega e os símbolos galegos''. ''Non sería tolerable que, igual que o ano pasado, nos respondan dicíndonos que o que nós denunciamos non é certo, sen abriren ningún procedemento interno para aseveralo, porque estamos a falar de casos graves, que parecen propios doutras épocas'', valorou.

A plataforma en defensa da lingua subliña o significativo dos acontecementos denunciados, ao producirse un 25 de xullo. ''Estas actitudes policiais non serían de recibo en ningún momento, mais aínda son máis rexeitables cando se producen o Día Nacional de Galicia'', consideran desde A Mesa.

Comentarios