O BNG de Barreiros critica que operarios municipais limpen fincas privadas

Os nacionalistas sinalan que se rozan propiedades da Igrexa mentres que espazos públicos do concello seguen sen arranxar
Imaxe difundida polo BNG de Barreiros da limpeza dunha finca privada
photo_camera Imaxe difundida polo BNG de Barreiros da limpeza dunha finca privada

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Barreiros, a través da súa portavoz, Ana Ermida sinalou que o alcalde barreirense, Alfonso Fuente "está mandando limpar fincas privadas, como as pertencentes á Igrexa, mentres que existen espazos públicos no concello que seguen sen arranxar".

Desde o BNG sinalaron que "estes días houbo persoal municipal limpando a coñecida como a Horta do Cura, en San Miguel, unha finca que ademais de ser propiedade da Igrexa Católica nen sequera é de uso público".

Dende o BNG sinalaron que "se somos laxos na interpretación da separación da Igrexa e os poderes públicos, podemos chegar a valorar que se limpen espazos que son propiedade da Igrexa, pero que son de uso público, como as entradas das igrexas" mais manifestaron que a agrupación municipal non entende que se destine persoal e medios municipais a limpar unha horta pechada que non ten uso público.

A agrupación nacionalista declarou que "non é de recibo destinar fondos públicos para adecuar fincas privadas cando vemos como están espazos públicos ou camiños, especialmente da zona do interior".

Para os edís do BNG este tipo de actuacións responden ao nerviosismo do alcalde e do seu equipo ante a falta de planificación dos traballos.

Neste punto sinalaron que "deducen os traballos a facer en función das protestas ou da presión que teñen. De feito nestes días adicáronse a saír ó paso das cousas que denunciamos publicamente desde o BNG".

A portavoz nacionalista, Ana Ermida, pediulle ao goberno local que actuara en espazos municipais "como arredor dos locais de Cabarcos, os camiños sen rozar e cunetas sen limpar", e que "deixe que as fincas da Igrexa as limpen os propietarios, que para iso teñen un orzamento e reciben cartos públicos, ademais de non pagar impostos como a contribución ao Concello, que o resto dos mortais pagamos relixiosamente, sexamos católicos ou non", declararon.

Comentarios