lunes. 14.10.2019 |
El tiempo
lunes. 14.10.2019
El tiempo

'Bolboretas no Bandullo' promete continuar ca súa actividade no blogue

Diana e David, autores do blogue de cociña ‘Bolboretas no Bandullo’
Diana e David, autores do blogue de cociña ‘Bolboretas no Bandullo’
David Díaz e Diana Fernández son os dous mozos vivarienses que están detrás do exitoso espazo gastronómico’

Amor pola cociña e compromiso polo idioma. Estas son as dúas razóns que impulsan o blogue gastronómico Bolboretas no Bandullo. David Díaz e Diana Fernández, ambos viveireses e titulados en Filoloxía Galega, son as persoas responsables do mesmo.

Foi ela quen creou a bitácora en decembro de 2013. "Empecei a facer as tortas para os aniversarios da miña irmá, como sempre me pedían a mesma decidín variar porque xa estaba cansa. Comecei a facer outras, seguiron gustando e foi cando me animaron a crear Bolboretas no Bandullo", explica Diana, mestra substituta en Lugo. Axiña se lle uniu a súa parella David, que traballa como técnico cultural no Concello de Ribadeo.

"Tamén nos gustaría profundizar na gastronomía tradicional galega, que por agora só facemos de forma superficial coa familia", indica David Díaz


O éxito do blogue, con arredor de mil visitas diarias, non se debe só ás receitas, senón tamén ao feito de ser un punto de encontro para todos aqueles amantes da boa comida. "Hoxe en día, co conto do poder da información veloz e da interacción, cada vez gañan máis peso o contacto nas redes sociais. Todos os días hai comentarios no Facebook, Twitter ou Instagram. A xente pregunta por ingredientes e modificacións e aporta ideas", conta David.

"Houbo receitas moi importantes como a torta de Ferrero Rocher que fixemos en novembro para o meu aniversario, que no momento tivo moitísimo éxito e logo no Nadal chegáronnos un montón de fotos de xente que a facía para as súas familias", indica Diana. "Aínda que non haxa receita, intentamos subir información todos os días e estar en contacto cos seguidores, que son a parte máis importante disto", engade.

Unha das seccións de máis sona é ‘Bolboreteando con...’, na que publican unha receita xunto cunha entrevista a algunha celebridade. A próxima será a de Merche Rodal, integrante do programa de televisión Larpeiros. "Son conversas amenas, á xente gústanlle e as persoas entrevistadas presentan receitas espectaculares. Todas as galegas e galegos levamos un cociñeiro dentro e estase a demostrar", apunta David.

FUTURO. Con vistas a máis adiante, a parella pretende seguir incorporando novidades a Bolboretas no Bandullo. "Moita xente pídenos facer vídeos. Nós mesmos sabemos que lle pode dar un salto ao blogue e ademais axudar a inculcar o galego en formato vídeo, mais require moitísimo tempo en formación e preparación", comenta o mozo. "Despois tamén nos gustaría profundizar na gastronomía tradicional galega, que por agora só facemos de forma superficial coa familia, pero merece a pena dedicarlle máis tempo", pensa.

Despois dun ano de apuro e sen máis ambición que gozar da cociña e chegar á xente, a parella asegura a pervivencia do blogue nun futuro. "Ademais, no ámbito do idioma e como filólogos consideramos que estamos a realizar unha labor de certa relevancia na rede porque a gastronomía sempre tivo moito tirón e hai que tirar proveito dela", subliñan.

'Bolboretas no Bandullo' promete continuar ca súa actividade no blogue
Comentarios