O bipartito retíralle unha axuda ás Nogais por incumprimentos

Acusa ao Concello dos Ancares de certificar as obras subvencionadas sen telas executadas e o alcalde admite retrasos pero defende o proceso

A Deputación de Lugo iniciou este venres os trámites para retirarlle ao Concello das Nogais unha axuda do POS do 2015 de 11.000 euros. Acúsao de certificar as obras subvencionadas –a colocación de suxeitacolectores en núcleos rurais– sen telas executadas totalmente. O alcalde, Jesús Núñez, admitiu que puido haber "certo retraso" nos traballos, pero asegurou que xa se completaron e defendeu as actuacións do seu goberno. 

O voceiro provincial do PSOE, Álvaro Santos, informou o venres desa polémica trala xunta de goberno da Deputación, que deu luz verde ao inicio do expediente para reclamar ese diñeiro ao Concello, ao que se lle dará a oportunidade de explicarse. 

Santos asegurou que o biparitito recibiu en días pasados unha denuncia sobre esos incumprimentos, tralo que traballadores de Vías e Obras comprobaron sobre o terreo que a maior parte dos suxeitacolectores estaban sen instalar. Resaltou que o bipartito resolverá este caso pola vía administrativa para "non xudicializar a vida pública". 

Interpelado pola polémica, o alcalde das Nogais defendeu que o mal tempo do inverno retrasou as obras, ao impedir colocar esas estruturas, pero recalcou que "están totalmente rematadas e pódese verificar2. Aínda que dixo descoñecer en detalle os trámites seguidos con esa axuda, sinalou que, en calquera caso, podería haber algún erro administrativo, pero non "mala fe". 

UNED. A xunta de goberno tamén iniciou a contratación da construción do aparcadoiro e das zonas axardinadas da nova sede da Uned. Santos explicou que terán un orzamento de 260.000 euros, incluído na partida de dous millóns para o centro. As obras estarán listas en setembro para abrir o próximo curso. 

O voceiro do PSOE tamén anunciou catro novas contratacións do Ben Empregado. Pola súa banda, o responsable de cultura, o nacionalista Xosé Ferreiro, dixo que seguen a pleno rendemento programas como Buxiganga, con cinco actuacións a fin de semana. Tras recalcar que non se discrimina pola cor política nin nesa nin noutras propostas, engadiu que a área ultima os actos para o verán.

Comentarios