O belén de Begonte renova a súa web, convertida en arquivo dixital histórico

Os promotores aseguran que era unha "absoluta necesidade" e que recollerá máis de 10.000 documentos

O centro cultural José Domínguez Guizán de Begonte vén de anunciar a renovación da web do belén electrónico, www.belendebegonte.es, coa idea de recoller neste novo espazo virtual toda a documentación dispoñible sobre o nacemento.

"Era unha absoluta necesidade", explican, lembrando que xa existía unha web antiga que se quixo modernizar coa idea de recoller e pór a disposición de calquera persoa interesada toda a historia do belén, que acada neste Nadal as 45 edicións.

"Se non estamos en internet non existimos e queremos que a historia do belén quede aí para os que veñan despois", apuntan, ao tempo que lembran que dous dos fundadores xa morreron e que existen milleiros de documentos, traballos ou fotos dos pasados 44 anos, moitos deles en papel, o que dificultaría a súa consulta ou conservación.

Levan meses traballando co convencemento de ter "o deber de facelo todo público" e xa se poden consultar algúns contidos, pero queda moito, xa que calculan que terán que incluír un mínimo de 10.000 arquivos entre actas, vídeos, obras premiadas, recortes de prensa e pregóns.

E como queren que a revisión sexa o máis ampla posible, tamén piden a colaboración da xente, para que achegue a este importante proxecto, co que colaboran a Xunta, a Deputación de Lugo, o Concello de Begonte, Caixa Rural Galega e Galicia Digital, todas aquelas cousas que conserven e estimen que deberían incluirse.

Comentarios