O animal no seu

AÍNDA tratándose dunha invitación clamorosa para ocupar unha destas entregas, deixamos pasar os gromos franquistas que abrollan en Beade e en Baralla, mesmo facendo ouvidos xordos ás cordiais suxestións que se nos fixeron chegar. E non por un proído de orixinalidade, xa que nos ocupamos ducias de veces deste amplísimo caudal amazónico, desde os máis variados aspectos, aqueles propios da represión pura e dura, até os dos exilios, exterior e interior, os secuestros e fuisilamentos, a propaganda desaforada, o culto e adoración do dictador e todos os excesos que se poida un imaxinar, e mesmo os que resultarian inconcebibles, ou sexa, parafraseanedo ao clásico, os que na mente de Adolf foran delito.

Realmente, e contra todo prognóstico, a capacidade das albardas parlantes para actuar non mostra «nen lixeiras amósegas» de esvaecemento, por empregar a frase de Blanco-Amor. E como carecemos da capacidade de Cunqueiro á hora de narrar, o único que se nos ocorre é traer aquí o seu sonado relato titulado ‘O coxo de Entrebo’, que forma parte do libro ‘Escola de Menciñeiros’. O protagonista chamábase Osvaldo, e di o conto que chegou a aprender latin unicamente como instrumento para as suas tarefas curativas como albeite, citando o autor concretamentea a Araujo, ou sexa a Luis de Mata y Araujo, autor da sonada ‘Guia del perfecto latino’ E escribe Cunqueiro: «Comezou a correrse que se pechaba na corte co animal enfermo e que falaban os dous. Osvaldo en latin e o animal no seu».

Deixando á marxe a nosa incredulidade sobre as posibilidades profilácticas da língua orixinaria da nosa, para o tratamento e curación de determinados males e enfermedades, e o escepticismo nese tan invocado recurso sobre as cualidades terapéuticas do simple paso do tempo, e xa non digamos a frecuente apelación ao arbitrismo, hai unha pregunta para a que nunca atopamos doada resposta, ou sexa cal é o motivo para que as posicións tardo ou neofranquistas representadas, ás veces espectacularrmente por determinados mascaróns de proa, reciban un claro apoio popular no canto do rexeitamento xeral. Sabemos, efectivamente, de qué xeito se foron producindo os acontecimentos despois da desaparición do dictador, sen solución de continuidade até chegar ao rexime democrático. A falla dun corte traumático, ou contundente, tal e como sucedeu noutros paises e, por outra banda, a inmensa duración do sistema franquista, doulle tempo a penetrar fondamente na sociedade, que arelaba un periodo de paz que de feito acadou, pero a conta de prorrogar, en determianados aspectos, os modos e modas caracteristicos do rexime anterior. Mais volvendo ao comezo, ocorre que tais dislates prodúcense sempre no terreo do actual partido do goberno, sen que a inspiración europea, ou o que é o mesmo teutona, concite a virtude do exemplo a respeito das secuelas do rexime nazi e as conseguintes medidas profilácticas.

Comentarios