O anel da fantasía

NAQUEL TEMPO, presenteilles aos alumnos duas relacións de nomes de personaxes historicas, coa proposta de que emparellaran a aueles que puideran ter a oportunidade, ao longo das suas vidas, de tomaren un café, ou unha cervexa, ou un viño, ou mesmo de estreitarse a man, ou sexa de seren contemporáneos ainda que nunca chegaran nen sequer a aproximarse. E houbo de todo; acertos plenos, algunhas aproximacións e uns cantos dislates. Alguén emparellou a Nerón con Mussolini, quizais pola procedencia italiana, ou quen sabe se polas poses imperiais do disctador. Pero se do ensino secundario pasamos á vida mesma, atopamos que a imaxinación de algúns contemporáneos aproxímnase á de Jules Verne, e a fantasia de outros aos redactores bíblicos. O outro día limos en letras de corpo maior que un curioso ciudadano, ao que nós chegamos a coñecer e que faleceu, xa velliño, en torno aos anos setenta, do pasado século, tivera amizade con Wagner, pero non con persoa que puidera ostentar ese apelido como alcume, senón con D. Richard, que naceu en 1813 e morreu en 1883, que compuxo ‘Der ring des Nibelungen’, que casou coa filla de Liszt e que faleceu en Venecia.

Se foi por darse importancia, quizais poderia colar mais doadamente que chegara a falar cun dos xenros de Wagner, como foi Houston Stewart Chamberlain, racista e protonazi, morto en Bayreuth en 1927. Claro que nos inclinamos a pensar que se trata dunha versión que algunha alma, supostamente caritativa, ou afeita ás brincadeiras, deslizou como quen non quere a cousa. Nesta materia, soe citarse a discreción de aquela figura compostelá que se presentaba coa abraiante frase «Estreite vostede esta man que estreitou a de Rosalía», o que, certo ou non, era perfectramente posible.

Pero xa se sabe que a historia ten doenzas conxénitas: alguén pon a rodar unha pequena bóla de neve e acaba nunha espectacular avalancha. Na miña vila, volve estar de moda o filón da arquitectura indiana, polo xeral centrada en edificios situados na rua de San Roque, sen reparar en que tal clasificación ou alude a unha determinada tipoloxía construtiva, ou á orixe biográfica e patrimonial dos titulares, co cal a nómina queda francamente moi reducida, case enxoita. E xa non falemos das pinturas que adornan portais e estanzas dos edificios, da autoría moitas delas de Manuel Margolles, persoa culta, directivo do Ateneo e concelleiro socialista cando a II República, e cuxa obra campa tamén noutras casonas, mesmo no casco vello da vila. Ao que se ve, non só son inescrutables os camiños do Señor, senón tamén os de algúns homes, dotados ás veces dunha imaxinación fóra de toda medida, e as datas miden, mesmamente, o tempo.

Comentarios