martes. 01.12.2020 |
El tiempo
martes. 01.12.2020
El tiempo

O amigo americano

ALGÚNS AMIGOS me teñen preguntado por que falo con tanta seguridade, aínda hoxe, do predominio norteamericano no mundo. E, a cada paso, aínda hoxe, atopamos mostras que evidencian, en varios campos de actuación, ese predominio.

No plano económico é cada vez máis difícil definir a capacidade duns Estados sobre outros. Utilizar unha cifra convencional cal é o tamaño do Produto Interior Bruto (PIB) esquece a parte do producido no exterior por compañías de capital norteamericano. Estas compañías repatrían beneficios ou reinvisten nos países hóspedes estabelecendo un vínculo de capital cos EE.UU. Vínculo de capital diñeiro, vínculo de capital tecnolóxico ou vínculo de cultura empresarial. Pero enganche de control ao fin.

Ademais cada dólar estadounidense desprazado -desterritorializado- é tamén unha relación cun espazo monetario que dirixe en función dos seus intereses a Reserva Federal. A política monetaria da autoridade estadounidense inflúe de forma decisiva sobre a vida e obra daqueles que dependan do dólar USA. Este é unha divisa universalmente aceptada, na que se valoran moitos activos, independentemente de cal sexa a moeda da transacción.

Os EE.UU. dominan tamén de forma silente a axenda investigadora de ciencia nova. A política de acollemento de científicos de alta e altísima cualificación de calquer parte do mundo poboa centros punteiros que a súa vez -agora en forma de círculo virtuoso- logran predominancia na nova ciencia e tecnoloxía mundiais.

A política militar ianqui -pido perdón por lle chamar política ao dominio militar- é quen de controlar, a través dos mecanismos da guerra tecnolóxica, o mundo enteiro. No presente as guerras non só só de tiros, que tamén as hai, senón que teñen relevancia superior as guerras chamadas disuasorias que consisten na obriga/necesidade de producir e comprar armamento para estar á altura dos ‘inimigos’. Estes gastos obrigados pola posición do país poden ser auténticas pexas para Estados con poucos recursos ou con necesidades reais e non de xoguetes bélicos de última xeración.

A presenza da Otan segue sendo unha omnipresenza e ten un control do devir militar no mundo á altura da mesma. É un elemento máis a sumar ao tecido de control mundial.

E, para rematar a estratexia, están os servizos secretos, xa que o dominio cultural hoxe non toca.

Agora, grazas á eficacia e sofisticación do seu traballo en calquer territorio do mundo, coñecemos a cantidade de ‘malos’ hábitos privados dos mandatarios europeus. Non só buscan dobregar a todo un presidente dunha república (a de Franza) que alimentou no seu berce a república americana, senón que intentan impor pola vía dos feitos consumados unhas regras de moral pública idénticas ao cínico puritanismo ianqui. O paradoxo é que logo de levantar a lebre informativa sobre a vida amatoria do presidente francés, os franceses non reaccionen como os estadounidenses: convenientemente abaneados pola prensa, coma posesos.

O episodio francés amosa, mellor que a visita do presidente español en sinal de pleitesía, como o xefe do mundo pode chegar a mover os fíos da política internacional.

O amigo americano
Comentarios