O alumeado público

Un recente informe sinala que en España se consumen cada ano uns 115 kilovatios hora por habitante no alumeado público, que son bastante máis dos 90 de Francia e case tres veces os 45 de Alemaña. Ademais resulta que malia os plans previstos, este consumo en vez de estabilizarse ou aumentar moderadamente, ten crecido un 4,7% anual, de modo que actualmente duplica ao existente aló polo ano 1990. Non parece lóxico que este consumo teña crecido pois a un maior ritmo que a poboación e que o conxunto da economía durante este período, aínda recoñecendo as deficiencias existentes neste ámbito hai vinte anos.

Non se entende que de media un municipio dedique máis de dous terzos do seu gasto en electricidade ao alumeado público cuns 16 euros anuais, duplicando o resto deses gastos nas dependencias ao seu cargo e no bombeo de augas. E mesmo que algúns aínda cheguen a superar os 145 kilowatios, por moita dispersión que teñamos nos municipios rurais. Ningunha provincia cumpre co obxectivo de acadar os 75 kilovatios anuais por habitante marcados polo Goberno no Plan de Eficiencia Enerxética 2004-2012.

Como país España está na cola desa eficiencia enerxética en alumeado entre os países da Europa occidental. Segundo algúns especialistas sería posible mellorala de modo moi notable en varios frontes.

Un dos medios sería por un mellor deseño e orientación do alumeado, que se perde cara o ceo, os árbores ou as fachadas das casas en vez de alumear as rúas ou o chan. Ademais de ser unha perda de enerxía se está provocando a denominada contaminación lumínica, pola emisión e reflexión cara a atmósfera desta luz procedente de fontes artificiais, que ocasionan unha disminución da oscuridade natural do ceo nocturno.

Outro modo sería reducindo a densidade das farolas e racionalizando a súa localización, pois os recursos son limitados e o que vai para alumeado reduce as posibilidades doutros gastos que poden ser máis necesarios.

Non coñezo ningún lugar sen alumeado e en moitos casos é moi superior ao necesario dende un punto de vista racional. Polo contrario, tal como quedan reflectidos nos últimos datos de equipamentos públicos, hai moitas carencias sen cubrir en saneamento das augas residuais na maior parte dos municipios galegos, ás que se engaden tamén as de abastecemento de augas en bastantes núcleos rurais.

Por expresalo dun modo simple, é como si no gasto público a prioridade se puxera sobre o que se ve e non sobre o menos aparente a simple vista, pero en cambio máis importante dunha boa xestión da auga, que ten moito que ver coa nosa saúde individual e tamén da colectiva como país máis coidadoso co noso medio ambiente. Ben sei que esta situación responde en moitos casos á propia presión dos veciños, pero gobernar tamén é racionalizar o gasto, explicar as alternativas posibles e os seus efectos sobre o benestar  colectivo. Cun alumeado excesivo é como si puxeramos os gastos da festa antes que os de diario.

Comentarios