O allo como metonimia

DESCULPEN que recorde, por se alguén o precisa, que unha metonimia é un tropo, é dicir, unha palabra usada cun significado que non lle é propio, que consiste, entre outras cousas, en nomear o todo por unha parte.

O conto é que a natureza me agasallou -ou castigou, quen sabe- cunha sensibilidade gustativa esaxerada, de xeito que percibo calquera sabor intruso que poida ter o alimento que levo á boca. Son poucos os allos, dun tempo a esta parte, que non me saben a humidade por máis que presenten bo aspecto. Así, as comidas con eles aderezadas, non se libran do seu desagradábel retrogusto. Os meus comentarios neste senso valéronme o cualificativo de repugnante e ‘tiquismiquis’. Cheguei a pensar que talvez ese fose o seu sabor natural e que eu, por unha razón que descoñecía, non tiña percibido tal matiz antes. Porén, acabo de descubrir que non estaba equivocada, e o que acontece cos allos pódenos servir para expresar o que acontece con boa parte dos produtos agrícolas e manufacturados que circulan polo país: non son de aquí e o único que teñen bo é o prezo.

Aquí, en Galiza, sábese que «tantos allos perde o alleiro coma días de xaneiro»; mais alén dos de autoconsumo poucos se plantan, porque a súa venda non é negocio debido á competencia dos que veñen da China. En viaxes de máis dun mes, chegan en barco, sen ventilación, adquirindo o saibo a que me referín. Se ninguén lle pon remedio ao asunto, por mor desta importación autorizada desde a Unión Europea, as xentes de Las Pedroñeras (Cuenca), onde se cultivan os mellores do mundo, verán desaparecer os alicerces da súa economía.

Non será cousa de relatar o proceso polo que aos chineses lles estalou a burbulla do allo, do mesmo xeito que a nós a inmobiliaria, e por iso tiran os prezos. Iso explica a publicidade das calidades milagreiras que lle atribúen ao allo vido de tan lonxe (adelgazante, contra a hipertensión e a diabetes, antibacteriano, etc.), comúns a todos os allos. O incuestionábel é que o noso si sabe a allo.

Onde escribín allo, cambiando todo o que haxa que cambiar, escriban patacas, espárragos, pescados, mariscos, ferramentas, servizos de telefonía, cadaleitos e mil e unha cousas máis. Daquela comprenderán por que o emprego non vai a máis e por que a economía vai a menos.

Tamén conviría non esquecer que o feito de transportar os produtos desde tan lonxe ten moito a ver coa contaminación global cuxas consecuencias no cambio climático se deixan sentir a cadora con máis forza.

Por iso, defendendo asemade o planeta e a nosa economía, sería ben consumirmos primeiro o que se cría e crea aquí: á fin o barato sae máis caro.

Comentarios