A revista da celebración ten novo formato

O alcalde de Foz destaca que o Entroido atravesa "o seu mellor momento"

Castiñeira non descarta que "en pouco tempo" poida ser Festa de Interese Turístico
Castiñeira e Blach, na presentación do Entroido
photo_camera Castiñeira e Blach, na presentación do Entroido

O alcalde de Foz, Javier Castiñeira, e a concelleira de cultura, Silvia Blach, foron os encargados de presentar  os actos do Entroido deste ano, un momento no que a asistencia de participantes e de público xa acada grandes dimensións. "Este é o mellor momento do Entroido de Foz", subliñou o rexedor, que quixo recordar "ás persoas que decidiron facer o desfile e poñer a data do sábado anterior ao martes de Entroido, porque esa data tamén é parte do éxito das celebracións". Castiñeira destacou o arraigo que ten na localidade ta cita e non descarta que "en pouco tempo" poida ser Festa de Interese Turístico. 

O inicio oficial do Entroido focense é este sábado coa cea de coroación da raíña, na que se espera a participación de máis de 600 persoas.  A cea contará coa música do trío Mayer, a discoteca móbil Moraima e Perkusiona. O seguinte acto é o Xoves de Comadres, que organizan Affamer e a asociación de amas de casa o día 23 no restaurante Leyton. 

A fin de semana grande arranca o venres 24 co pregón na Sala Bahía a cargo dos Bonaerensis. "Xa hai anos que se decidiu involucrar no pregón aos verdadeiros valedores do Entroido de Foz, que son as peñas, e este año escolleuse a un grupo que oi e é un motor importante para este Entroido e o desfile", dixo Castiñeira. Tamén a este grupo está dedicada a exposición que se inaugura o vindeiro domingo, ás seis e media da tarde, no Cenima. Despois do pregón chegaralle o turno ao concurso de coplas, para o que está aberta a inscrición ata o día 17. E o día 25, ás cinco da tarde, sairá do porto o desfile no que se repartirán 7.000 euros en premios. "En Foz hai moita competitividade sá e hai que mantela porque iso mellora a calidade do Entroido", engadiu. A festa na que se entregarán os premios volve ser na Sala Bahía e as entradas custan 6 euros.

Xa o domingo é o baile infantil, no que se espera a participación dunhas 600 persoas e que estará animado polo grupo La Granja Show Infantil. O mesmo día celebrase outro dos clásicos do Entroido focense, o Touporroupou, que organiza A Pomba do Arco. O luns será o baile do farolillo e o martes o gran baile infantil. Xa para despedir as celebracións este ano o día 3 de marzo será a Queima do Entroido. "Pedimos á xente que se involucre neste acto e que veñan vestidos de negro", indicou o alcalde. "É certo que cada ano se suma máis xente a este acto, pero ten moita menos asistencia que o resto", subliñou Silvia Blach, que invitou a todos os focegos a "desfrutar dunhas celebracións moi esperadas e desexadas ata o último día".

Comentarios