El álbum de cromos que colecciona Alberto

25 ANOS DO CLAVI. Miguel Olarte asegura que Alberto Grandío é un concelleiro de Cultura paralelo. Mantén viva a programación da mellor música en Lugo no seu local, Clavicémbalo, aberto hai 25 anos. A vantaxe cos políticos é que non incomoda con roldas de prensa.

os irmáns panini montaron un quiosco perto da catedral da localidade de Módena en 1945. Ese pequeño negocio de distribución editorial foi a base sobre a que chegaron a ter unha multinacional de distribución de álbumes de cromos. Alberto Grandío seguiu o proceso inverso, comezou alimentando coleccións de música para acabar montando un club no que poder escoitar ao vivo aos seus artistas preferidos.

Antes de que o Clavicémbalo tivese como referente a Alberto Grandío, existía o Clavicémbalo. Sito Carracedo, Segundo Grandío e Alfonso Franco instalaron o local orixinal na rúa Serra de Ancares o 31 de decembro de 1986. O outro Grandío -«non teño nada que ver con Segundo»- regresara ao seu Lugo natal dende o seu Tenerife laboral para residir. Unha noite descubriu o anuncio dun concerto, que o conduciu ata aquel local con programación de folk («por influencia de Sito»), clásica («por Alfonso») e rock («por Segundo»).

Logo pasou a ingresar a cota, «que era de 500 pesetas»; adquirindo o dereito a asistir aos catro ou cinco concertos que se programaban cada mes. A proposta ía alén os escenarios porque se completaba con cursiños de baile, cestaría, tapices ou bailes de salón. O evento máis curioso que lembra Grandío daquel tempo foi un campionato de tenis de mesa de 24 horas consecutivas.

O público estaba integrado por estudantes, «sobre todo, porque era unha movida alternativa», comenta Grandío, consciente do papel central que ocupa o seu local na cultura de Lugo nestes momentos. Moitos daqueles rapaces continúan asistindo ao Clavicémbalo, pero o seu xestor remarca que «a media segue rondando os 35 anos» pola constante renovación do público.

Os espectadores son un factor determinante do éxito deste club, que chega a que o humorista e actor Carlos Blanco afirme sen dubidar «que un do mellores locais de Galicia para actuar; a parte de polo local en si, polo público». O músico de folk Pepe Vaamonde respalda esa apreciación e engade que «a xente que acode está afeita ao directo e iso nótase, é un local ben axeitado para presentar un disco».

PROPIETARIO

Pasados uns anos, Alberto Grandío ascendeu de socio de cota a socio propietario nun equipo de nove persoas ao que se unira tamén José Luis Díaz. Por volta do ano 93 ambos os dous quedan como únicos responsables, unha situación que se prolongou dous ou tres anos ata ficar Grandío en solitario. Os seus gustos e os de Díaz empezaron a impregnar o Clavicémbalo, algo que se fixo patente co desembarco do jazz, «algo que era novidoso daquela». Esa pegada mantense porque ambos os dous organizan o Festival de Jazz, que ten o Clavicémbalo como unha das sedes permanentes.

O primeiro convite para escoitar jazz veulles dende A Coruña, co cuarteto do saxofonista Antonio Cal. Os responsables do Clavicémbalo fixeron peto para xuntar cartos e acadaron a cifra de 80.000 pesetas. Antonio Cal respondeu presentándose en Lugo con 22 músicos en formación de big band. O primeiro pase foi no auditorio Gustavo Freire. «Resultou un fracaso, porque entraron 18 persoas. Había máis xente sobre o escenario ca abaixo», lembra Alberto Grandío. No segundo pase, o Clavicémbalo encheuse. O revulsivo non foi unicamente o encanto do club, como recoñece o seu responsable: «O concerto da tarde cadrara cunha final da Eurocopa», desvela.

A programación primeira eran sete ou oito concertos ao mes; sobre todo de jazz e blues, «con pouco rock porque nese tempo estaba El 2 de Copas» e se inclinaban por outros estilos, «aínda que non eran o que máis me gustaba daquela, coma o folk ou a canción de autor», recoñece o responsable do Clavi.

Naquel local entraban unhas 150 persoas, pero, concerto a concerto, acabou resultando insuficiente. Alberto Grandío buscou daquela outro local e atopouno na rúa do Paxariños. Organizou o traslado sen deixar de facer actuacións. O cambio deuse un 31 de agosto de 1995.

SEGUNDO

Daquela o programador adquirira máis querencia polos cantautores. Para a estrea contaba con Javier Krahe, ao que descubrira no programa televisivo ‘Si yo fuera presidente’, de Fernando García Tola. «Dei co mánager de Krahe, que me pedía un millón de pesetas por cantar en Lugo. Era demasiado, polo que tratei de chegar directamente a el», comenta Grandío. O artista non estaba disposto a cantar nin por un millón nin por dez veces máis porque «estaba de ‘vacacións escolares’; Krahe non actúa no verán». Frustado o intento, o segundo Clavi estreouse cunha serie de figuras emerxentes: Pedro Guerra, Inma Serrano e Javier Ruibal.

A pesar dese primeiro desencontro, Krahe acabou por ser un habitual do club. Durante moitos anos non faltaba á súa cita de dous días e dous concertos, que agora se viu reducido a un en proporción á mingua da súa condición física. Alberto Grandío valora especialmente que sexa «un artesán da lingua e que, beba o que beba, sempre ten unha incrible lucidez». «Houbo unha vez en que un espectador chegou cando xa rematara de tocar, malia o que se puxo moi pesado para que continuase. Diante da insistencia, Krahe díxolle: «Tenga cuidado conmigo, que soy cinturón negro de karaoke’, o que lle valeu para o título dun álbum», lembra.

Alberto nunca escoita os discos de Krahe, «porque é un artista de directo, que improvisa moito e conecta moi ben coa xente. Sempre sorprende». Ao contrario do que lle aconteceu con artistas de radifórmula e de paso breve pola fama, como foi o caso de Merche. Medio cento dos rapaces que encheran a sala agardaban por ella para que lles asinase un recordo. Alberto Grandío lembra que «o mánager esixiu que desalosaxen a sala. Eu díxenlle que non ía botar á xente, que sairía igual, e saíu sen problema.

Esa soberbia viuse superada pola de Los Ilegales. Tras unha primera suspensión por unha doenza na gorxa do seu único integrante fixo, Jorge Martínez. Aos 20 días presentáronse sen equipo, soamente cunha guitarra, un baixo e moitas protestas. O responsable do local respirou con paciencia antes de apañarlles uns ampllificadores nun par de horas. «Jorge queixouse de que soaba mal, de que o local era ‘para musiquiños de jazz e novatos’».

Entre eses novatos figuran algúns que son profesionais. El Kiki lembra que adoitaba ir como espectador, «e saía embriagado de música, que non de bebida». Despois, «grazas a unha xestión de Cuchús Pimentel, puido debutar como profesional». A cantante de fado María do Ceo tamén se iniciou nese escenario, polo que está agradecida «tanto ao bo facer de Alberto Grandío como «ao agarimo» que lle dá sempre.

Kimuru pasou por alí con Osos Montañosos e Los Comestibles, e garante que é «moi gozoso porque resulta fácil que os grupos soen ben nese escenario».

A maiores de lanzar a artistas en Lugo, tamén os exportaba, como lembra Piti Sanz cando conta aquela noite interminable que compartía con Segundo Grandío, que estaba citado no día seguinte para probar como baixista de Siniestro Total, como despois foi. «Fomos polas nosas casas para facer unha maleta, coller un xamón e marchar cara a Vigo sen durmir».

Como aínda quedan tantas noites como séculos ten a Lúa, este empresario lucense, que se define como «coleccionista», segue a soñar cos artistas que vai levar ao seu local. Recoñece que aínda lle faltan «dous cromos para completar o álbum: Herbie Hancock e Pat Metheny».

 

 
 

 
0'0 (0 votos)

Comentarios