O acordo do leite para cumprir

O acordo firmado a finais de xullo entre as organizacións agrarias, as cooperativas, as industrias lácteas, a distribución alimentaria e o Ministerio responsable da agricultura trataba de constituir a base sobre a que establecer unha organización da cadea de produtos lácteos en España dun modo similar a como ven funcionando noutros países europeos desde hai décadas. O obxectivo era promover un funcionamento máis equilibrado entre os distintos axentes da cadea que producen leite e que elaboran e distribúen os produtos lácteos ata o consumo.

Nestes acordos se incluían compromisos a tres niveis. Dunha parte entre as organizacións agrarias e as industrias para xeneralizar o sistema de contratos, cun prezo acorde coa situación dos mercados, para o que ambas partes aceptaban elaborar un sistema de indicadores da evolución tanto do mercado interior como dos exteriores máis representativos para as importacións e exportacións españolas. En segundo lugar había un
compromiso da distribución para valorar positivamente a existencia deses contratos cós produtores nas súas compras ás industrias. Nun terceiro nivel o Ministerio se comprometía a establecer o sistema completo de trazabilidade do leite desde a produción ata o consumo, que antes chegaba só desde a produción ata a entrada na industria. Tódalas partes ían participar nunha comisión de seguimento destes acordos, aos que se incorporaba a Xunta en Galicia.

Daquela escribira un artigo de apoio baixo o título «dun acordo a consolidar». Mes e medio despois da súa firma os avances son escasos. Por iso agora é o tempo de «cumprir cós acordos».

Sería moi malo o fracaso destes acordos. Porque non só son importantes para promover alomenos unha certa mellora de prezos para aliviar a actual situación de crise, senón tamén para establecer tamén unhas bases dun mellor funcionamento futuro.

Estes acordos son o camiño obrigado ao que antes ou despois terán que chegar produtores, industria e distribución. Sería malo que ganaran as estratexias oportunistas e abusivas dos que se moven mellor na falta de acordos. A responsabilidade en principio é deses tres axentes. Pero chega máis aló porque tamén compromete ás Administracións Públicas, Ministerio e Xunta a velar polo seu cumprimento a través das comisións de seguimento nas que participan.

A situación dos produtores segue a ser moi delicada, despois de soportar varios meses de prezos moi baixos. O cumprimento dos acordos debera ser a primeira peza para axudar a superar esta crise. Pero ademais compre xa que o Goberno Feijóo deixe de mirar para o pasado botando as culpas para atrás e comece a traballar para o futuro, pois no caso do leite vai moi retrasado, ben por detrás doutras comunidades como Asturias ou Castilla e León que teñen prestado un maior apoio aos seus gandeiros.

Comentarios