jueves. 14.11.2019 |
El tiempo
jueves. 14.11.2019
El tiempo

O achado dunha pía escavada na rocha completa a sauna de Castañoso

Entrada da sauna, xa reconstruída
Entrada da sauna, xa reconstruída
Os traballos para asegurar a construción remataron e confirman que se trata dun espazo de uso comunitario clave na vida social dos castrexos, posiblemente para cerimonias con vapor

A escavación programada no castro de Castañoso rematou cos obxectivos cumpridos: destapar a estrutura da sauna e asegurala para evitar que a falsa cúpula se desplomase. O resultado foi moi satisfactorio. Atopáronse elementos fundamentais que ofrecen información de gran valor sobre a peculiar construción. O último, unha pía escavada na rocha do interior na sauna, que confirma o uso de auga para xerar vapor dentro do habitáculo.

Que o castro de Castañoso, coñecido como O Castelón, tiña unha construción singular era sabido desde hai décadas, pero que se conservase tan ben foi case un milagre. A natureza axudou enchendo a zona de silvas impenetrables que acubillaron un elemento fundamental para explicar a vida social e posiblemente espiritual dos castrexos.

A construción, chamada sauna aínda que non no sentido moderno do termo, componse de varias cámaras e está cuberta por unha falsa cúpula que se conserva en gran parte. Os expertos sosteñen que era un espazo comunitario, posiblemente destinado a rituais, cerimonias de purificación nas que se usaban vapores xerados con auga e un foco de calor, que podían ser pedras quentes ou lume.

Os arqueólogos de Terra Arqueos puxéronse mans á obra o mes pasado e non tardaron en atopar as pezas que compoñen o puzzle e que demostran que os habitantes do Castelón se preocupaban por algo máis que a vida terreal.

A estrutura da sauna era evidente incluso entre a maleza, pero axiña apareceron detalles reveladores para completala. O primeiro, a pedra formosa. É unha peza de cuarcita de grandes dimensións que separaba a sauna do exterior. Tiña un orificio semicircular na parte inferior, a ras de chan, polo que saían as persoas tras os rituais de purificación, para emular o renacemento. A peza apareceu partida e os arqueólogos non cren recomendable unir as partes. O director da escavación, Luis Francisco López, considera que «sería bo levala ao Museo da Fonsagrada para asegurarnos de que se conserva e incluso podía facerse unha reprodución para colocar no sitio que ocupaba».

A pedra formosa foi un achado fundamental para confirmar que a construción abovedada era unha sauna. Apareceu tamén a peza que servía de cheminea ou lucernario e que coroaba a falsa cúpula.

Inicialmente non se atoparon restos de auga nin de lume e os arqueólogos eran reticentes a pronunciarse sobre o seu uso. Non querían crer sen ver. Nos últimos días de escavación, apareceu a peza clave, unha pía escavada na rocha. Está situada entre o que podería ser o forno e a cámara do vapor, «onde tiña que estar, onde están todas», indica o director da escavación. Esta pía suponse que tería auga para facer vapor. Para darlle calor, ou facían lume dentro antes de enchela ou utilizaban pedras quentes.

Os arqueólogos deixan a cúpula asegurada e din que «xa non corre perigo a non ser que un túzaro se poña enriba», pero vanse con pena porque saben que queda moito por descubrir. «Foi unha intervención de urxencia para evitar que caera, pero é unha mínima parte do que hai», afirman.

A maleza que rodeaba o castro protexeuno ata hai pouco da acción do home e favoreceu a súa conservación

O achado dunha pía escavada na rocha completa a sauna de Castañoso
Comentarios