O absolutismo no século XXI

En Europa tendemos a reducir aos países en vías de desenvolvemento a un conglomerado confuso de dictaduras autoritarias e democracias febles. Pouco nos importan, pouco sabemos sequera dos nosos propios gobernos parlamentarios e moito menos das institucións da Unión Europea. Coñecemos antes as monarquías do noso continente polas páxinas de sociedade que polas de actualidade política. Á marxe de facer bromas sobre a casa real española ou comentar os últimos escándalos doutras casas reais europeas non prestamos moita atención ao seu labor político. Esquecímolo ante tanta cosmética. Mais das arredor de trinta monarquías que aínda fican hoxe no mundo, hai entre cinco e dez que seguen funcionando cun modelo absolutista. O tempo de Luis XIV non rematou para todos.

Cinco desas monarquías absolutas están no Golfo Pérsico. O petróleo financia a estabilidade e o futuro deses réxime. A máis famosa, por suposto, é Arabia Saudí, o único país do mundo que inclúe na súa denominación oficial o nome da dinastía gobernante. Logo está Omán, onde o sultán concentra todos os poderes, do mesmo xeito que fai o emir de Qatar, malia existir no país unha asemblea consultiva. Nos Emiratos Árabes Unidos, as distintas dinastías dirixentes elixen en cónclave ao seu presidente federal. Por último, Kuwait conta cun parlamento, pero hai quen sospeita que está baixo control completo do seu emir.

A sexta monarquía absoluta desta enumeración tamén vive do petróleo: trátase do Sultanato de Brunei, na illa de Borneo. Logo está Tonga, un arquipélago de Oceanía que funciona como un microestado autárquico baixo o mandato absoluto do seu rei. Neste caso é a tradición a que sostén á dinastía gobernante: non semella haber moitas tensións políticas nun país de pouco máis de 100.000 habitantes que viven da agricultura e da pesca de subsistencia. Hai outros dous microestados absolutos que están nestes anos inmersos en procesos de transición política de resultado aínda descoñecido: trátase de Swazilandia en África, no interior de Sudáfrica, e de Bhután en Asia, no Himalaia. O décimo caso é a Cidade do Vaticano, máis ben unha teocracia ca unha monarquía, aínda que a efectos de ciencia política conta igual. Difícil considerar ao Papa outra cousa que un xefe de estado absoluto coa pretensión de intervir nas decisións doutros estados a través da súa influencia sobre os cristiáns de todo o mundo.

A república federal nepalí
Nepal foi a undécima monarquía absoluta até a semana pasada, cando o seu parlamento aprobou unha moción para abolila. En realidade, o proceso foi moito máis complexo, houbo avances e retrocesos constantes dende 1955, a data na que o reino nepalí entrou na ONU. O propio rei Mahendra Bir Bikram promoveu en 1959 unha constitución parlamentaria, mais a inestabilidade política levoulle a recuperar o poder absoluto xa en 1960. O país funcionou durante trinta anos baixo un sistema de panchaiats, agrupacións de cinco vilas onde unha delas era a cabeceira e as outras tiñan obrigas e responsabilidades propias. Os seus gobernantes eran elixidos por sufraxio indirecto restrinxido, un sistema que se conservou tamén durante o reinado do seu fillo, Birendra Bir Bikram (1972-2001).

Nos anos noventa, coa caída do Muro de Berlín e a vaga mundial de transicións políticas, Nepal viviu un novo intento de democratización, obstaculizado polas reticencias absolutistas dalgún membro da familia real e pola oposición revolucionaria da guerrilla maoísta, que tomou as armas en 1996 no oeste do país. O reinado de Birendra rematou dun xeito tráxico, asasinado en 2001 polo seu propio fillo nun tiroteo onde morreron todos os membros da familia real agás o irmán do rei, Gyanendra, que sería o derradeiro monarca.

A deriva absolutista de Gyanendra Bir Bikram confirmouse entre 2005 e 2006, cando gobernou catorce meses sen primeiro ministro. Aquilo puxo na súa contra ao pobo, acadando o que semellaba imposíbel: o acordo entre os sete partidos políticos parlamentarios e a guerrilla maoísta para desaloxalo do poder. As manifestacións e as folgas multitudinarias fixeron recuar a Gyanendra en abril de 2006, cando permitiu que se volvera reunir o parlamento. A guerra civil rematou ese verán coa entrada dos maoístas no parlamento e mesmo no goberno, aínda que despois o abandonarían como medida de presión a prol da república federal. E o pasado 23 de decembro acadaron o seu obxectivo. 270 dos 329 deputados do parlamento nepalí votaron a abolición da monarquía. Só tres votaron na contra.

A monarquía nepalí desapareceu como institución tras 239 anos de reinados, un cambio necesario para o futuro do país, que non é, en absoluto, un microestado insignificante perdido no Himalaia. Nepal aínda está en vías de desenvolvemento, mais ten case 28 millóns de habitantes e un Producto Interior Bruto superior ao de Tanzania, Iemen, Bolivia ou Bosnia-Herzegovina. Os avances da súa transición política son boas novas nunhas datas de malas novas (a inestabilidade paquistaní), sobre todo cando permiten o remate dunha guerra e a integración da súa guerrilla na vida política regulada. Nun contexto semellante, a monarquía é unha rémora do pasado, estorba, igual ca en moitos outros países onde xa perdeu a súa razón de ser.

Comentarios