O Aberto do Lacón de billarda cita a case 50 xogadores de 9 equipos

Preto de medio cento de xogadores e xogadoras de todas as idades, pertencentes a nove equipos lugueses, participaron esta fin de semana na terceira edición do Aberto do Lacón de Meira, unha proba valedeira para a Liga Nacional de Billarda (LNB), organizadora da competición conxuntamente coa asociación cultural local Eme de Meira.

Marquitos, do equipo Os Billardeiros Musicais de Ribadeo, fíxose coa vitoria na categoría individual e foi recompensado co premio reservado só para o vencedor, o lacón que lle dá nome a proba. No segundo lugar clasificouse Nacho, de Eme de Meira, que recibiu un queixo como recompensa á súa meritoria actuación, a mesma compensación que tivo Julio, tamén dos Billardeiros Musicais, quen acadou a terceira posición, completando o podio desta entretida proba.

O triunfo e consecuentemente o queixo que había reservado para o equipo gañador foi tamén para Os Billardeiros Musicais, que se impuxeron ós outros oito equipos presentes na competición meirega: O Cadaval de Pacios (Castro de Rei); Pau de Toxo, da Pontenova; Troitas Bravas, tamén da Pontenova; Os Outros, de Ribadeo; Eme de Meira; Remourelle Bulls, de Barreiros; Spartak, de Muimenta e Madia Leva, de Lugo.

Mondoñedo

A próxima proba da Conferencia Norleste da Liga Nacional de Billarda levará ós equipos e ós seus palanadores á localidade de Mondoñedo, aínda que haberá que agardar ó mes de marzo para a disputa da mesma.

Comentarios