O 98% das mamografías do Plan de Sanidade non detectou lesións

Imaxe dunha mamografía (Foto: Sergas)
photo_camera Imaxe dunha mamografía (Foto: Sergas)

O programa de detección precoz do cancro de mama que realiza a Consellería de Sanidade explorou a 58.666 mulleres entre xaneiro e xuño deste ano, o que supón a participación do 78% das mulleres galegas convocadas a someterse a estas probas.

En algo máis do  98% das exploracións realizadas nestes seis meses, o resultado da mamografía foi negativo, ó non detectarse lesións sospeitosas. Deste xeito, 1.007 mulleres foron remitidas a unha unidade de diagnóstico e tratamento dos hospitais públicos do Sergas para complementar as probas efectuadas e así poder obter un diagnóstico definitivo.

A provincia na que se levaron a cabo máis mamografías foi a da Coruña, onde 25.132 mulleres se someteron a esta exploración radiolóxica; en Pontevedra, foron 20.027, mentres que en Ourense atendéronse a 7.399 persoas e en Lugo a 6.108.

Unidades de exploración
O programa conta con trece unidades de exploración nas que se realiza a proba mamográfica. Delas, nove son fixas e outras catro móbiles. A lectura das radiografías centralízase nas unidades de avaliación dos complexos hospitalarios da Coruña, Pontevedra e Lugo, onde dous radiólogos se encargan de analizar cada proba.

Esta dobre avaliación confire maior fiabilidade ao proceso de lectura e interpretación das radiografías mamarias dado que os especialistas efectúano de forma independente.

As mulleres que necesitan unha valoración clínica adicional son derivadas ás unidades de diagnóstico e tratamento onde un comité de mama no que participan médicos especialistas en Radioloxía, Xinecoloxía e cirurxía que se encargan dunha valoración clínica adicional para facilitar un diagnóstico definitivo.

En canto á relación de mulleres que deben someterse á exploración radiolóxica, esta se actualízase periodicamente mediante o rexistro da tarxeta sanitaria.

Ampliación da franxa de idade
A franxa de idade das mulleres ás que se facilita a realización destas probas estase ampliando. Así, durante 2007 as exploracións abarcan ás galegas de entre 50 e 67 anos, coa intención de que en 2009 se amplíe o espectro ata os 69 anos de idade.

O programa establece que a exploración radiolóxica debe realizarse cada dous anos, polo que se fixaron as actuacións necesarias para asegurar o adecuado desenvolvemento das sucesivas campañas en cada un dos 315 municipios.

Comentarios