O 14 de abril

CUMPRÍRONSE o pasado 14 de abril, oitenta anos da proclamación da II República Española, unha época estudada e analizada desde variados pontos de vista, e fonte de inspiración tamén para novelas, obras teatrais e, mesmo, películas. Para a xente da miña xeración era non só unha tenza histórica de enorme curiosidade e interese, senón unha especie de arcadia, que se confiaba en reeditar cando rematase o paréntese da ditadura. Procurábamos con verdadeira paixón, recoller o testemuño e as lembranzas dos que viviran aquel período tan dinámico, tan esperanzador e, infelizmente, tan breve e, coa axuda da documentación accesible chegamos a compoñer algún traballo centrado no atractivo eido local, ou comarcal. No microcosmos ribadense con figuras tan notables como o farmacéutico Claudio Pérez Prieto, o pintor Manuel Margolles, o mestre Gregorio Sanz ou o alcalde Rafael Fernández Cardoso, todos eles con biografias de persecución e padecementos: o exílio, o cárcere ou o asasinato dun fillo. E tamén, na banda obscura, co estarrecente tenente Aranguren, fillo do xeneral da Guardia Civil do mesmo apelido, que mantivo as suas forzas en Barcelona fieis ao goberno democrático. E con acontecimentos que deixaron a sua pegada na historia local, como a breve visita do presidente do Goberno don Manuel Azaña, a manifestación e mitin convocado para festexar o fracaso do golpe de estado do xeneral Sanjurjo, ou a destitución da corporación polo gobernador civil como consecuencia das secuelas da revolución de Asturias.

Quizais por todo isto me causou sorpresa, e un certo abraio, a noticia de que o museu militar da Coruña organizou, o pasado 14 de abril, unha conferencia baixo o significativo título de ‘El asedio y liberación del Alcázar de Toledo’, que se por si mesmo resulta moi explícito sobre a concepción de aquel acontecimento histórico da Guerra Civil, acaba sendo bastante máis elocuente tendo en conta que o encargado de impartir a lección foi o xeneral de brigada de infanteria don Blas Piñar, fillo do eximio ideólogo da extrema dereita do mesmo nome. Descoñecemos, á hora de redactar estas liñas como se di no periosdismo de actualidade e de urxencia, cal foi o contido da perorata, que supoñemos categórica e desorbitada, como corresponde á elección do tema, á escolla do conferenciante e ao inoportuno da data, pero con semellantes ingredientes non é difícil adiviñar un escoramento descarado cara a banda de estribor, por mais que o protagonismo se centrase moi lonxe do mar.

Con todo, nós quixemos sinalar co primeiro parágrafo, a nosa particular rememoración e homenaxe a unha época e a unha esperanza frustrada, con luces e sombras, por suposto. Pero en fin de contas unha luzada en comparación coas tebras que logo viñeron e que o poeta chamou longa noite de pedra, nunha xenial metáfora.

Comentarios