Nugalla de verán

A señora Fernández, baixo cuxa éxida se vai desenvolver a actividade cultural do concello de A Coruña, calificou de pouco exitosas as festas do ano pasado na capital herculina, por seren demasiado galegas. Compre recoñecer, antes de nada, que en materia municipal -espesa, fluida ou evanescente, hai unha casuística moi diversa so todos os pontos de vista, ou sexa que abranxe desde as variadas inutilidades en forma de programadores culturais, doadamente prescindibles e substituibles por un teléfono e unha guia, até as graciosas concesións de todo tipo de eventos aos afins, xa sexan artistas de teatro de rua ou de proscenio, de pregoeiros da festa da mincha e de ponentes titulados, expertos en ociosidades diversas, case sempre materializadas durante o verán, co engado de créditos curriculares para que piquen os estudantes, e das oportunas dietas e cuchipandas culinarias para os docentes.

Pero dito isto, e como en tantas ocasións precedentes, perante xuizos tan asisados, recorremos á autoridade lingüística, para esvair as nosas dúbidas e poder penetrar mellor no arcano das declaracións de cargos públicos, responsables de áreas tan espiñentas como a cultura, pois xa sabemos -a base de insistencia, claro-, que o pobo soberano rara vez se equivoca nas suas preferencias. De tal xeito que acudimos ao feraz manatio das reais academias, tanto a que ten a sé na rúa de Felipe IV de Madrid como a que asenta na rúa Tabernas da Coruña. Demasiado, como adxectivo remite a demasía que é un exceso, ás veces un atrevimento e, mesmo unha insolencia. Lonxe de nós tecer aquí interpretacións estrondantes, ainda que esteamos no verán, que é tempo propicio para os foguetes de sete estalos, e en vísperas electorais, época idónea para todo tipo de hipérboles interpretativas. Moi pola contra, se reparamos no contexto e nas sumarias e concisas declaracións da edila, lemos que afirma que nos eventos programados para os visitantes foráneos hai que empregar un idioma que «entenda todo o mundo». Non aclara se se refire ao inglés ou ao chinés, pero está bastante claro que non se trata do galego. En fin, o feito de berrar «Aí vai a muiñeira de Chantada!» a xeito de aturuxo precursor da peza, seguramente que conducirá a unha espantada xeral do auditorio, e xa non digamos a interpretación por Cantigas da Terra da ‘Alborada Galega’, de Pascual Veiga sen a pertinente tradución sumultánea, por medios electrónicos, da letra de Francisco Maria de la Iglesia.

Seguro que, de existiren, os amables lectores terán a xenerosidade de disimular esta nosa entrega consagrada á nugalla vacacional, ou aos rigores meteorolóxicos, pero o mesmo día no que tan sesudas declaracións pasaban «de las musas al teatro» que dixo o fénix dos enxeños, liamos que nun concello de Cantabria confiábaselle a competencia en Medio Ambiente a un concelleiro que fora condeado por prenderlle lume ao monte. Ou sexa aquilo de por o raposo a cuidar as galiñas, neste caso. E, velaí, quizais tamén no anterior.

Comentarios