Nube de mar

Os tres fillos xa adultos dun amigo, no medio de risadas de complicidade recoñecían a súa adicación como pai. Aquel home cheo de responsabilidades, cada tarde, conversaba cos seus fillos, bañábaos, e líalles un conto para adormecelos.

Os rapaces, sabedores da súa fatiga, escoitábano e facían que durmían, xusto no instante no que o pai se caía de sono. Logo avisaban a nai sixilosamente  para que o levase a cama.

Os contos para nenos serven para comprender a realidade a través dun universo mítico que está por encima do tempo, e que lles aproxima a emocións problemáticas como a morte, a inxustiza, a traizón, pero tamén a lealdade, a amizade, o amor e moitas emocións que irán atopando na súa vida e que os contos lle permiten identificalas e elaborar fórmulas para manexalas.

Cando un pai le amorosamente un conto, está educando as  emocións, algo moito máis importante que a álxebra ou a historia. E si cando el adormece, os nenos avisan a nai para que o leve a descansar, a aprendizaxe é sublime, xa que se completa o círculo de recoñecemento e identificación das necesidades físicas e afectivas  da familia.

Entre bromas alguén fixo un comentario sobre un artigo que escribín recentemente neste mesmo espazo sobre os centros tecnolóxicos en Galicia e foi así como souben da candidatura  do Porto de Celeiro ao Premio Príncipe Felipe de Innovación. E se cadra pola proximidade das emocións, foi cando pensei en como todos os mariñeiros transmitiron os seus fillos o amor polo mar. 

O Porto de Celeiro é o paradigma da innovación, nun dos sectores máis difíciles, arriscados e ingratos da economía da provincia.

Con normativas, paradas biolóxicas e prezos do combustible que invita a tirar a toalla, aí seguen os de Celeiro, aguantando a galerna e innovando.

Non direi como o mariñeiro de Sagres que o Porto de Celeiro é o mellor do mundo e parte do estranxeiro, pero si que o seu nivel é un dos máis vangardistas. No medio dunha crise como a que temos enriba, loitan por buscar novas fórmulas de comercialización. Fronte o prezo do gasóleo, van na procura de combustibles alternativos. Non se quedan agardando á próxima orde de axudas para esgazar a flota e marchar a terra cos cartos. Non queren esquecer quen son. Loitan cada día para que os seus fillos poidan seguir  coa flota.
Reciban ou non, o Premio Príncipe Felipe de Innovación, coa súa candidatura, teñen xa ese recoñecemento que alixeira o peso da incomprensión na loita do día a día. Si llo dan, flotaremos nunha nube de mar.

Comentarios