Novoneyra na lembranza

SEICA NOVONEYRA ME FIXO unha caricatura. Seino porque mo dixo en repetidas ocasións a súa viúva, Elba Rei. Teño a súa promesa de que a buscará para mostrarma. O autor endexamais me falou do asunto. Seguramente ma fixo nun recital no que participamos ambos os dous, xunto con outros moitos poetas, en Viveiro, para reivindicar que non derrubasen o teatro Pastor Díaz tal como estaba previsto. O acto, que alternou música e poesía, durou máis de tres horas. O deste día é un dos recordos máis vivos que teño do escritor, aínda que foron moitos os encontros.

Outro, non menos marcado, é o dun paseo pola Praza Maior de Lugo. Sería polos oitenta do século pasado e lembro, como se fose agora mesmo, canto falamos. A conversa xirou arredor do xograr Martín de Pradocelos. Sabía o poeta que eu nacera cerca de San Salvador do Mao e dáse a circunstancia de que as cantigas de romaría de Martín de Pradocelos falan da de San Salvador. Eu, que as coñecía, nunca parara a pensar en que o trobeiro podía ser de Praducelo, unha aldeíña do concello de Samos, perto de Lóuzara. Uxío convenceume cunha serie de argumentos . Ademais do nome da romaría, avalaba a súa tese coa existencia naquela zona do lugar de Valongo, presente tamén nas cantigas. E co feito de que en Praducelo houbese unha casa de Martín na que ninguén recordaba un devanceiro chamado así. Nesa casa, segundo lle contaran, atoparan no faiado un fol de coiro con escritos que non sabían a onde foran parar. Da evolución do topónimo non recordo que me falase. Mais si dun argumento discutíbel, máis ben unha brincadeira, que el con moita graza fixo definitivo. Recitoume coa súa voz impoñente aquela cantiga en que unha rapaza declara que se á romaría de San Salvador van tres mozas fermosas, ela será unha delas, se van dúas, ela será unha delas, e, se vai unha, será ela. Despois ceibou unha gargallada antes de sentenciar: "É que as rapazas desa zona sodes todas moi presumidas".

Moitas veces acudo á súa poesía. Este ano apareceron e seguirán a aparecer ben páxinas arredor dela. Eu non son teórica destas cousas, apenas unha lectora apaixonada. Aínda así non me resisto a aplicarlle o adxectivo de telúrica. Si, ese que tantas veces se emprega indiscriminadamente. Telúricas son as forzas da terra, cegas e fatais, que se manifestan como terremotos ou volcáns. Fatal, no sentido de ineludíbel, é a poesía de Novoneyra. Mais non cega, senón ateigada de conciencia e consciencia. Non estamos diante dun poeta que canta a paisaxe e proxecta sobre ela os seus estados de ánimo a practicar a chamada 'falacia patética'. É que a terra o posuíu ou se encarnou nel para falarnos. O Courel, Galiza, a humanidade na súa voz insubornábel. Aí segue vivo, moito máis que naquela tarde de Viveiro ou naquel mediodía en Lugo.

Comentarios