Novoneyra, agardando pola volta dos pobos

novoneyra_dentro.JPG
photo_camera novoneyra_dentro.JPG

Novoneyra soubo facer da serra do Courel un símbolo para toda Galicia. Mais esa viaxe que fai en 'Os Eidos' cara os misterios que se agochan na tradición e a natureza galegas son unha parte do seu ser como poeta. Novoneyra estaba á vez no seu presente e no pasado, até as veces en dous sitios diferentes.

Estou en Compostela
vendo nevar no Courel


E o seu compromiso co presente e a realidade impregnou a súa poética dun marcado ton político. O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, defíneo como antifascista e afirma que foi ''un dos que mellor souberon reflectir en poesía a traxedia que foi o holocausto galego de 1936''.

Aínda que a sú vida desenvolveuse en catro lugares (O Courel, Lugo, Compostela e Madrid), a súa ollada abranguía tamén o horizonte de Vietnam e vía nos pobos do mundo exemplos para comprender a realidade galega, atrapada naqueles anos na longa noite do franquismo.

A viaxe con Brais Pinto
A vida de Novoneyra foi a poesía, de sempre. A publicación do seu primeiro poemario, 'Os Eidos', en 1955 consagrarao, mais xa de antes, por exemplo na súa primeira etapa madrileña como estudante de Filosofía e Letras a comezos dos 50, existen composicións del.
 
A súa segunda estancia en Madrid tería lugar nos primeiros anos 60, onde entra en contacto co grupo Brais Pinto. Un dos integrantes deste colectivo, Herminio Barreiro, lembra que este tempo foi para Novoneyra unha toma de contacto coa resistencia antifranquista madrileña e sinala que as vivencias destes anos, que axudan a asentar o seu ideario, trala súa volta ao Courel estarán presentes na súa poesía.

LIBERTÁ chamas nos ollos tristes nas caras do METRO
nos que xa perderon o futuro e ganan o pan con sobresalto
na gran cidade nos tesos cumes i en todo o silencio preguntando.


Barreiro salienta que aínda que nesta época relaciónase con certa ''bohemia literaria'' o certo é que ''o que lle interesa é a militancia política daquel momento, que o fai reflexionar''. Así, ábrense os seus horizontes políticos e morais e ''toda a conciencia politica que estaba latente explosiona'' durante estes anos. 

Un pobo nace sempre
Aínda que a súa morte tivo lugar no ano 1999, a vida de Novoneyra estivo marcada polo réxime franquista, época na que medrou e envelleceu. Coñecedor dos movementos de confronto coa ditadura, todo isto o erixirá coma un cantor da liberdade e cuxo antifascismo se especificará en diversos poemas. O seu internacionalismo refléxase, ''de forma case plástica'' para Méndez Ferrín, no seu poema 'Vietnam Canto'.

cándo remata un pobo?
un pobo nace sempre
no remata nunca nuncanuncanuncanuncanuncanuncanunca


A formación ideolóxica de Uxío Novoneyra xa se conformara en Galicia antes de chegares á capital española. Na súa primeira época en Santiago de Compostela, a onde tivo que se trasladar para realizar o servicio militar no ano 1952, mantivo contacto con intelectuais coma Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo ou García Sabell.

Marxismo e nacionalismo
Porén, a súa maior influencia neste momento sería o pintor Carlos Maside. Sería este persoeiro da cultura galega quen lle dá Novoneyra o primeiro golpe na conciencia política coa súa visión integradora de nacionalismo e marxismo da que xa falara Xoán Xesús González, morto en 1936.

Un pobo enteiro rébrese no tempo
Folga Xeral contra da Historia.


Mais Uxío nunca foi un poeta de partido. A súa militancia era a poesía e era aí onde verquía e transformaba as súas ideas. Herminio Barreiro indica que dende a súa segunda estancia en Madrid Novoneyra ''é un home cunha preocupación fundamental pola cuestión política, e seguía vivndo como poeta e sendo poeta. Non era un poeta orgánico, senón de principios, de país, totalizador e integrador''.

A desesperanza dos tempos novos
O paso do tempo e o final do franquismo tamén marcaron unha evolución na poesía de Novoneyra. O novo estado de cousas levaron a Uxío a caer na desesperanza. ''Quedou moi afectado polos cambios no movemento socialista internacional e a desintegración da URSS'', di Barreiro.

''Volverán os pobos'', dicía Novoneyra tras estes feitos históricos. Nos anos 80 e 90 o mundo son dúbidas e as esperanzas alónxanse. O poeta non chega a coñecer o século XXI e as preguntas que lanzou ao aire continúan vivas.

Galicia,¿será a miña xeración quen te salve?
¿Irei un día do Courel a Compostela por terras liberadas?
Non, a forza do noso amor non pode ser inútile!

Comentarios