Novo tesoirazo de Feijóo

Con rodete parlamentar e moita policía acuartelando, máis unha vez, o Pazo do Hórreo para o “protexer” do pobo que protestaba ás súas portas. Así veñen de aprobarse os primeiros orzamentos da segunda lexislatura de Feijóo como Presidente da Xunta.

Só cos votos do Partido Popular e sen considerar apenas ningunha das emendas formuladas pola oposición
(só se aprobaron 7 das máis de mil; ningunha entre as presentadas polo BNG) o Parlamento deu luz verde a uns presupostos regresivos que colocan ao país á altura de 2006. Máis que rodete acertou Francisco Jorquera ao definir a posición dos populares como a dunha “apisoadora”. Unha apisoadora antidemocrática que reduce o Parlamento ao mero exercicio ritual da aritmética parlamentar, sen lugar para o debate, para as achegas e moito menos para a rectificación. O cartón das paredes do Parlamentiño comeza a cheirar a podre e baleiro.

Os recortes son maiúsculos. 220 millóns menos de orzamento que o pasado ano. Co agravante de que a tesoirada cebouse novamente contra as políticas sociais. O 70% do recortado, isto é  160 millóns, correspóndense a partidas de sanidade, traballo, benestar ou educación. Recortes tamén abondosos en cultura (o mausoleo Fraga, tamén coñecido como Cidade da Cultura, xa representa a sexta parte do presuposto cultural total) e por suposto en lingua, para seguir a insistir na ofensiva contra o galego que Feijóo tomou por bandeira da demolición que lidera contra o noso país.  En troques, case 300 millóns de euros destinaranse a facer fronte aos xuros da débeda e dos créditos financeiros do goberno galego. Máis unha vez fica clara cal é a (súa) prioridade política. Aliás, os graves efectos sociais que terán estes orzamentos multiplícanse ao lle sumarmos os que se ditan desde Madrid ou as consecuencias da centralista reforma do poder local.

E mentres no interior do Pazo do Hórreo o PP perpetraba o que Jorquera cualificou de “homicio político” contra o país, o pobo volvía a se manifestar ás portas da sede parlamentar. Centos de estudantes, empregadas e empregados públicos, representantes de organizacións sindicais e de diversas plataformas foron literalmente acurralados a vinte metros de distancia por un perímetro policial abusivo e irracional. Porén, as consignas non foron silenciadas, e como semanas atrás sucedera na Assembleia da República Portuguesa enmudecendo ao conservador Passos Coelho, centos de gorxas entoaron o Grândola para lle lembrar a quen goberna contra a maioría social, que a pesar da súa xordeira e da súa soberbia: “o povo é quem mais ordena!” E así será.

Comentarios