Novidades pitagóricas

O novo goberno galego tomou a decisión de situar as escolas infantís no ámbito educativo, e anunciou que iniciaba xa o proceso para tal cambio. Ao mesmo tempo comezou unha operación de maquillaxe: o que eran ‘galescolas’ pasan a chamarse ‘escolas infantís’, quizais porque agora se ubicarán no ámbito educativo,o que non está mal; quere decirse que resulta máis concorde coas modernas tendencias educativas que mantelas no eido dos servizos sociais, que deben orientar a sua acción cara outros obxectivos, centrándose antes nos maiores que nos infantes. Claro que o troco de nome pode vir motivado por outras consideracións, como o aparente paralelismo entre o nome das ‘ikastolas’ e o de ‘galescolas’. Daquela, cando se decidiu o nome, nós mesmos xulgamos unha torpeza do anterior departamento unha denominación que previsiblemente ia facilitar unha campaña en contra. Tomouse como un verdadeiro avanzo o que era simplesmente un insípido achádego dos creativos da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, verdadeiros expertos en amorear maleza para que a oposición convertise a fogueira en labarada. Non foi o único caso: compre lembrar a sonada divisa de ‘in-dependencia’, que tanto dou que falar.

 

E a cousa ainda segue, porque o actual goberno está a explotar a victoria en termos verdadeiramente militares, ou sexa o exterminio do inimigo, e de aí as aseveracións de que se puxo remate á ideoloxización das escolas infantís do que é estandarte o novo logotipo extraído dun conto infantil de Carlos Casares titulado ‘A galiña azul’. Ben está, pero tampouco é para tanto, e asi como o anterior equipo cria inxenuamente que a xente ia percatarse da mensaxe subxacente ou do guiño que supoñia o de ‘galescolas’ ou ‘in-dependencia’, o actual douse tanta presa en presentar a nova imaxe corporativa que xa hai moitos pais que cren que as novas escolas vanse titular ‘A galiña azul’.

 

Isto é como xogar ás sete e media, convén aproximarse pero non pasarse, e falar de que as escolas estaban «bastante ideoloxizadas» resulta un tanto excesivo mentras non se demostre, e fiar só nos logotipos préstase cando menos a comparanzas: a fin de contas unha casa sorrinte coa bandeira galega no cumio o único que fai é remitir ao artigo primeiro da Lei 5/1984 de Simbolos de Galicia: «A bandeira, o escudo e o himno de Galicia simbolizan a sua identidade como nacionalidade histórica”. Certamente que o conto infantil de Casares trasmite valores como a unión e a solidariedade, pero tamén alude á propia raigame do país e, por conseguinte, ao idioma. E desde logo hai máis obras protagonizadas por estas aves: «Venderei os ovos, / mercarei poliñas. / E con galos novos / farei que poñan / todos os dias...», lemos premonitoriamente nun dos relatos do libriño de Francisco Barxa ‘Os ovos da pita choca’, publicado hai moitos anos na lembrada colección O Moucho da Editorial Castrelos. A ver en qué dan estas novidades ‘pita-góricas’.

Comentarios