martes. 07.12.2021 |
El tiempo
martes. 07.12.2021
El tiempo

Nova York é noso

UN dos relatos máis entrañábeis incluídos do libro Dos arquivos do trasno, de Rafael Dieste, é aquel no que un neno, eufórico polo regreso do seu pai de Nova York, tenta sen éxito chamar a atención doutros rapaces. A "viseira de carei" do mariñeiro, "a cara forte como unha proa", os "ollos afeitos a longanías e grandes rumbos" e o asubío novo que lle trae como agasallo son interpretados polo rapaz como sinais dun triunfo que o enche de orgullo. No entanto, os seus compañeiros de xogos ignoran semellante novidade e nada lle preguntan, nin sequera cando non lles quere emprestar o seu chifre novo. Cheo de rabia pola indiferenza dos demais e con bágoas nos ollos, o neno érguese garboso con cara de malo e exclama: "¡Nova York é noso!".

O relato de Dieste achéganos á mirada infantil do seu protagonista, que idealiza a figura do pai até o punto de transformar, coa súa perspectiva, a dura realidade vivida por este —a necesidade de gañar a vida embarcado, lonxe da familia e do fogar— nun signo de éxito e estender os seus dominios —a pequena localidade mariñeira onde transcorren unha boa parte dos relatos do escritor— até a cidade ignota e inmensa de Nova York.

A perplexidade que me produciu no seu día a narración de Dos arquivos do trasno veume á memoria ao ver, no acto de toma de posesión de Alberto Núñez Feijóo, unha pancarta que o aclamaba como "O Obama galego". Imaxinación non lles faltou aos seus autores, movidos ben seguro pola condición redentora que vían, ou querían ver, no novo presidente, antes que polo inagardado da súa vitoria ou pola coincidencia na idade de ambos políticos. As pretendidas semellanzas entre o triunfante gañador das eleccións á presidencia dos Estados Unidos e o novo mandatario galego resultan tan cómicas como o propio relato de Dieste.

Á orixe afroamericana e a cor da pel do novo habitante da Casa Branca, que lle permitiron acumular un importante capital simbólico procedente dunha boa parte da sociedade americana, cómpre engadir a súa ideoloxía progresista e o feito de estar a suceder o interminábel mandato dun dos peores presidentes do país. As desemellanzas con respecto ao líder galego, dono dunha vitoria máis axustada, son tamén evidentes se rebuscamos nas súas carteiras políticas, onde gardan proxectos, promesas e amizades ben distintas que, mentres nun caso abriron unha portela á esperanza no corazón dos máis desfavorecidos, noutro deseñaron conflitos e espertaron fantasmas.

O Obama galego non terá que lavar a imaxe do seu país, que non é o máis rico do mundo, diante da comunidade internacional, pero terá que xestionar a ilusión dunha Galicia debruzada na crise, con atrasos históricos, capaz de deixarse fascinar por viseiras de carei pero coñecedora de longanías, grandes rumbos e noites de pedra.

Nova York é noso
Comentarios