Nova Poesía Guitirica e Lareira de Soños organizan dous actos culturais

Haberá sesións dedicadas a Manuel María e a Xosé María Díaz Castro

A asociación Lareira de Soños dos Vilares e o colectivo Nova Poesía Guitirica (NPG) organizan o vindeiro mes de setembro dúas xornadas culturais e literarias, dedicadas aos escritores chairegos Manuel María e Xosé María Díaz Castro, ámbolos dous recoñecidos co Día das Letras Galegas.

A primeira destas sesións terá lugar na Casa Habanera de Guitiriz o día 10 de setembro, a partir das 20.00 horas, e nela presentarase o libro ‘Labrego con algo de poeta’, dedicado ao escritor de Outeiro de Rei e do que é autora Mercedes Queixas. A escritora estará acompañada por Armando Requeixo, nun acto que se encargará de presentar o vilarego Raúl Río.

A segunda xornada literaria desenvolverase na igrexa parroquial dos Vilares o día 17 de setembro e consistirá nun recital poético musical que contará con diversas intervencións.

Alfonso Blanco Torrado, coordinador de Xermolos e depositario de todo o legado de Xosé María Díaz Castro, será o encargado de conducir un acto no que intervirán varios dos membros da Nova Poesía Guitirica, con outros poetas como convidados. Así, ata a igrexa dos Vilares achegaranse o vilalbés Martiño Maseda ou Raúl Gómez Pato, gañador do primeiro Premio de Poesía Xosé María Díaz Castro do Concello de Guitiriz en 2016, por ‘Máscaras de espellos’.

Este encontro cultural completarase coa actuación musical de Sandra Tenreiro, profesora de música do IES Poeta Díaz Castro e responsable de pórlle música, xunto aos seus alumnos, a varios textos do poeta. Tamén se prevé a asistencia, sempre que a súa axenda llo permita, da vilarega Arantxa de Galindo, vocalista da orquestra Los Satélites.

Comentarios