sábado. 28.11.2020 |
El tiempo
sábado. 28.11.2020
El tiempo

A nova febre de Alaska

RedCrab2.JPG
RedCrab2.JPG

Os programas televisivos sobre comer que máis me atraen non sobre os que explican a elaboración de pratos, nin sequera eses nos que un famoso demostra por que se dedica a cantar ou actuar en vez de a manexar tixolas. Os espazos que sigo con maior atención son eses que relatan como se apañan as cousas de comer. De entre eles, destacaría ‘Pesca radical’, que adoita emitir Discovery Channel, por ser un espectáculo exento de artificio.

Este ‘reallity’ vai seguindo as longas e duras xornadas de varios barcos de entre 17 e 50 metros de eslora que andan á captura do caranguexo vermello real nas augas xeladas do mar de Bering.

A oferta para os mariñeiros ten o seu atractivo poderoso: campañas de entre catro de doce días a unha media de 800 euros por xornada. Con razón se asegura que provoca a nova febre do ouro de Alaska. Contemos logo o lado escuro, non vaia ser que alguén se lance a internet para encher un formulario de petición de emprego.

Como é complicado acertar co radar para situar os caranguexos na súa migración polo leito mariño, as tripulacións deben confiar na experiencia e na intuición dos seus capitáns para poder traballar. No caso de acertaren, os navegantes bótanse a unha faena que pode durar mesmo 24 horas sen pausa para tomar unhas cañas.

Para subir as gaiolas a cuberta e baleiralas hai que facer equilibros sobre unha cuberta que serviría para desputar un campionato de patinaxe de non ser porque a cada pouco é varrida por ventos de cen quilómetros por hora e por ondas con catro mil litros de augas. As augas dese mar están tan frías que a oportunidade para sobrevivir no caso de caer do navío estímanse en catro horas.

Todo ese risco, que resulta mortal para moitos pescadores en cada campaña, rende uns caranguexos duns catro quilogramos de peso e medio metro de envergadura.

A xeira que representa pescalo e o seu sabor levemente doce con textura suave e agradable sitúao nos andeis das delicatessen. Como ‘produit d’exception’ ofrécese baixo a lenda de «100% patas», unha promoción que xustifica o prezo porque cada unha desas arañas coloradas de mar está dotada con seis.

A carne das pinzas é especialmente requerida para cocteis, ensaladas ou salpicóns, mesmo pode saborearse ricamente con mahonesa ou salsa rosa. Aínda que non falta quen a sacrifica en tortillas, croquetas ou mesmo en canelóns.

Por esta banda do mundo abonda con botar unha nasa para atrapar uns caranguexos de bo sabor, pero pouca fanfarria. O noso espectáculo é a captura cos percebeiros, nomeadamente os da Costa da Morte. Carecemos dese olfato dramático dos norteamericanos, que erixiron aos capitáns dos caranguexeiros en heroes seguidos coma figuras da NBA. Aproveitando esa aura mesmo veñen de promover un videoxogo. Os comandantes xa coñecen o novo ouro de Alaska: os dereitos de imaxe.

A nova febre de Alaska
Comentarios