Notas de hierro

rubén enche de sorrisos os chanzos dos seus 87 anos. É un exemplo de dignidade, de traballo e de solidariedade. Vintedous anos de mineiro rillando nas fonduras da terra e dende os 14 traballando como ferreiro afixérono a facer cousas útiles coa materias máis diversas. Como as palletas que lle saen das mans dende hai máis de 40 anos e fan música dos degoiros e das ledicias. Porque Rubén, 62 anos de gaiteiro, fai da vida música e coa música leccións de vida.

Do seu punteiro saen notas que soben os banzos da memoria e levan directo ao corazón. Da súa man a música sabe a pan centeo, a tardes de sesta de verao, a misa do patrón, a cabezudos e a mañás de alborada. Sabe aos Agarimos que dende os anos 70 e até o 2001 acompañaron cada festa que vive na memoria de Sarria e Lemos. Sabe a tempo que escorrega e a tempos que urxen. Escoito tocar a Rubén e vexo os ollos azuis do meu avó clarinetista. E fágome música e danzo no baleiro anainada polas notas dun gaiteiro que leva nos dedos a sabedoría do pobo ergueito arredor dunha gaita. Somos sons que veñen de lonxe e se transmiten nas notas dese punteiro ben requintado que leva en si a historia dun país que colle folgos para ser, para soñarse e asubiarlle aos ventos o seu rouco son.

Comentarios