domingo. 17.10.2021 |
El tiempo
domingo. 17.10.2021
El tiempo

As nosas caixas

Durante moitos anos houbo unha irresponsabilidade manifesta, mais silenciada a nivel mediático, dos máis altos xestores de Caixa Galicia e Caixa Nova. Estes señores manexaron ao seu antollo os aforros de miles de galegos, como se fosen da súa propiedade, para investilos fóra da Galiza en negocios inmobiliarios ruinosos. Asignáronse a si mesmos soldos esaxerados, como se fosen grandes banqueiros de entidades cotizantes na bolsa de Wall Street. Crearon centros culturais e fixeron obras sociais, si, mais tamén contribuíron a desenvolver negocios moi especultivas e pouco respectosas co medio ambiente, máis propios da banca máis agresiva e avarenta, mantendo e apoiando celulosa e planta de gas perto de cidades e canteiras de lousa no Courel.

Alguén lles pasará conta, mesmo xudicial, da súa nefasta xestión económica cando a autodenominada Novacaixagalicia deixe de ser caixa e galega e os aforros depositados por miles de galegos ao longo dos anos pasen a ser gobernados desde unha sede foránea?Na lonxana xeográfica e política Islandia andan cos banqueiros e altos executivos responsábeis da súa desfeita financeira nos tribunais, e o parlamento promulgou unha lei de control para que no futuro non volva ocorrer o mesmo.

Unha vez máis, por mor das actuacións suicidas da nosa burguesía, que semella que non lle doe o país e o benestar dos seus habitantes, contribúese ao noso histórico expolio. O pouco que tíñamos acaba sempre noutras mans, Pasou con Fenosa, La Toja, R, ... Galiza segue en proceso de quedar reducida a unha mínima expresión económica e a un futuro poboacional incerto, abocada a unha continua e cada vez máis acelerada hemorraxia migratoria. E as nosas maiores riquezas en mans foráneas beneficiando só ao gran capital madrileño e internacional.

Da mesma maneira que Libia conta co ouro negro do seu petróleo, nós temos  outro ouro na electricidade das nosas numerosas centrais hidroeléctricas e eólicas, enclavadas nos nosos ríos e montes, propiedade de todo o pobo galego e non  das empresas eléctricas alleas que os explotan, que xa recuperaron con creces o coste das instalacións. Se a isto lle sumamos a nosa principal autoestrada, tamén xa amortizada e producindo lucrativos beneficios, agora en mans dun fondo de investimento norteamericano, xunto coa maioría do noso aforro, emigrando no pasado e agora controlado definitivamente por institucións alleas, debúxase un panorama colonial e desolador.

Compriría que todos os galegos e galegas, de calquera ideoloxía, fosen conscientes de que esta situación nos prexudica e de que se a nosa electricidade, a autoestrada e o noso aforro fosen públicos e autonómicos, se fosen nacionalizados, viviríamos mellor, porque os elevadísimos beneficios que orixinan poderían ser empregados no desenvolvemento e en mellorar o noso deficiente Estado de benestar.

Non se ve nin racionalidade nin credibilidade no feito de que os mesmos xestores que levaron a esta situación ás caixas teimen por ficaren nos postos e outros por non se xubilaren. Non se merecen apoio político nin cidadán. Calquera islandés quedaría abraiado perante este escenario esperpéntico. Menos mal que parece que aínda queda para os nosos aforros a cooperativa de crédito ben xestionada e en crecemento que é Caixa Rural Galega. Para volvermos comezar a soñar de novo. Até cando?

As nosas caixas
Comentarios