A nosa Pescanova?

Pescanova acendeu todas as alarmas. A multinacional de orixe galega, fundada en 1960, enfronta unha moi difícil conxuntura, despois de acollerse a un concurso voluntario de acredores. O seu endebedamento atinxe preto dos 3.000 millóns de euros, máis do dobre do que reflectía o pasivo das súas contas auditadas, cando a empresa anunciaba iniciar un pre-concurso hai apenas mes e medio.

Porén, a compañía que aglutina 160 empresas, cunha trintena de factorías de procesamento e medio centenar de instalacións acuícolas, mantén unha importante posición de mercado. Os últimos datos revelan que Pescanova tería incrementado en case un 9% a súa facturación en relación ao ano anterior. Que explica, pois, este vaivén que ameaza unha das principais empresas con sede social no noso país? As voces críticas apuntan directamente ao seu Presidente, e accionista maioritario, Manuel Fernández de Sousa. Un nome de relevo a quen acusan dunha xestión personalista, de costas ao consello de administración, e marcada por unha estratexia de expansión desmesurada e dunha excesiva diversificación. Non faltan argumentos logo de coñecermos o fiasco da planta acuícola que Pescanova abriu no concello portugués de Mira, após o goberno galego rexeitase –con pleno acerto-- o proxecto para Cabo Touriñán. A pesar de que as cifras de negocio debuxan unha empresa en crecemento e cunha posición sólida no mercado alimentario, o talón de Aquiles ficaría nun meteórico endebedamento, nomeadamente con entidades bancarias.

A bancarización das caixas galegas tivo un impacto moi negativo na empresa. A decisión de Novagaliciabanco de abandonar a compañía, da que a antiga Caixagalicia chegou a ter o 20% do accionariado en 2009, deixou a Fernández de Sousa sen un aliado fundamental para a súa estratexia de expansión. Esta situación evidencia as consecuencias concretas do desartellamento do sistema financeiro galego, que priva do necesario respaldo económico aos sectores produtivos  e crea dependencias foráneas. De aí que hoxe o principal acredor de Pescanova sexa o Banco Sabadell, por importe de 200 millóns de euros.

Un dos elementos presentes na crise de Pescanova é o futuro da súa galeguidade. Partindo de que esta xa é máis que cuestionábel arestora, non só polo facto de ser unha empresa multinacional que cotiza en bolsa e que está participada por investidores non galegos. Dos 10.500 traballadoras e traballadores que o grupo ten en todo o mundo, son apenas 1.500 os postos de traballo que ten no noso país. Menos do 15%. Aliás, desde febreiro deste ano a propia marca “Pescanova” está compartida ao 50% co xigante transnacional Heinz (vencellado a unha das principais fortunas dos EUA), a través da empresa Yohida’s.

O risco de que Pescanova pase a estar en mans --completamente-- dun grupo foráneo non é novo. Nos 90 o anglo-holandés Unilever xa o tentara, nunha operación frustrada pola intervención da Xunta de Fraga cun importante préstamo en favor da empresa de Chapela. Este novo capitulo volve amosar a necesidade perentoria de abordarmos o necesario debate sobre a participación pública na economía. Ou acaso sería disparatado pensarmos en que un sector estratéxico como o que ocupa Pescanova, estivese orientado por unha empresa pública ou, como mínimo, un consorcio público-privado?

A pesar da súa máis que cuestionábel xestión empresarial, hai voces que instan a Xunta a apuntalar economicamente máis unha vez a empresa de Fernández de Sousa. E porque en lugar de seguir a asegurar o lucro privado duns poucos non facemos que Pescanova sexa nosa, de todas e todos os galegos? Nacionalícese (ou expropíese)! , como tería dito o Comandante Chávez, concretizando desta maneira a vella consigna do nacionalismo galego, político e sindical, a prol dun sector industrial galego público. Sería un primeiro e importante paso para atinxirmos o obxectivo ensoñado dunha economía autocentrada, que saque proveito das nosas potencialidades produtivas poñéndoas ao servizo do país, do pobo. Non do capital privado, nin dos especuladores da bolsa. E iso esixiría tamén unha fonda reorientación da súa estratexia empresarial, na antítese do neocolonialismo esquilmador que practica hoxe.

Comentarios