''Nós agradecémoslle a todo o mundo que fale de nós, pero hai guerras que non son nosas''

Os Dios Ke Te Crew, de praia.
photo_camera Os Dios Ke Te Crew, de praia.

Dios Ke Te Crew, a ‘crew’ dos rapeiros de Ordes, é quizais o colectivo de hip hop máis coñecido de Galicia. Logo de varios anos sen pasarse por Lugo, presenta en San Froilán o seu novo traballo, ‘Humanose’, no escenario que compartirá con Dúo Kie (21.30 Praza da Horta do Seminario).


mou é produtor e MC de Dios Ke Te Crew e sostén que o seu nome vén desde moito antes de que o adestrador do Real Madrid fose unha celebridade. «Aínda lle poño unha demanda», chancea.

Involuntariamente foron o grupo con máis publicidade deste San Froilán, logo da rolda de prensa que deu un grupo político municipal...

Nós dicimos o que cremos que é real con total naturalidade e con liberdade e pouco podemos facer se se nos usa como arma arroxadiza entre a clase política. Nós movémonos fóra desas guerras políticas.

Iso si, se alguén non os coñecía, xa está sobre a pista...

Nós agradecémoslle a todo o mundo que fale de nós. Se alguén nos nos coñecía pode ser que teña curiosidade por vir ao concerto.

Comparten escenario con Dúo Kie. Teñen feito algunha cousa xuntos?

Non, pero non estaría mal. É un grupo dos que estivo sempre aí, Dos dos inicios do rap en España.

Hai tempo que non viñan por Lugo.

Estivemos hai catro anos no Clavi, co disco anterior. Agora temos disco novo, ‘Humanose’.

Que está tendo boa acollida en directo, polo que trascende.

Cremos que si, estamos atopando moi boa receptividade. Levabamos como dous anos sen facer así directos, pero a xente responde coma sempre. Comprobarémolo máis adiante, coa xira de salas, que é onde notas mellor o contacto da xente; polo de agora fixemos festivais.

Vostedes son, con El Puto Coke e os Delahoja, quizáis a punta do iceberg da escena rap galega. Que relación teñen cos compañeiros do hip hop.

Ten un potencial brutal, a pesar de que é unha escena sumerxida. Hai moita xente da que falar. Estou pensando en xente de Lugo, como un dos pioneiros do rap en Galicia, Arturo Vaquero, que masterizou o noso primeiro disco, ou Emilio de Skornabois. Tamén xente de hoxe, como Karmasound ou K.A.O.S., agora con disco novo. E están aí Anubis Metal Jack, Salvador Medina... E como en Lugo, en todas as cidades de Galicia; xente que traballa desde a paixón e non só por saír nos medios.

Aínda que musicalmente diferente, o rap ten moita semellanza con xenéros tan galegos como a regueifa, pola improvisación, as batalas, as linguas afiadas...

E a retranca e a propia forma de ser do galego e o seu humor. Supoño que estará na nosa xenética. O hip hop é palabra e liberdade e nós dicimos as cousas como as sentimos.

Teñen feito unha colaboración moi exitosa co grupo folk Quempallou. Están abertos a colaborar con outros músicos doutras escenas?

A música e unha linguaxe universal e non temos tabús. O rap é unha música que absorbe moitas outras músicas e o de Quempallou saíu de xeito natural, logo de que eles o propuxesen.

A do hip hop é unha cultura fundamentalmente urbana, e vostedes veñen dunha vila como é Ordes.

Nos tempos que corren é fácil acceder a distintos tipos de música a través de internet. Nos primeiros noventa a nós chegábannos as cintas dos emigrados galegos en Suíza e Inglaterra, en toda Europa, a través dos nosos irmáns maiores,,.

E todo isto, nunha vila coñecida en toda Galicia pola marcha discotequeira...

Eramos os bichos raros, os zumbaos de Ordes. Naquela época estaban os do heavy metal e os que escoitaban o rollo máis comercialoide,,,

E agora, a estética hip hop é asumida includo por quen nunca rap escoitou...

É o que fan o comercio e as modas, que se aproveitan das cousas en auxe e véndenchas, métenchas polos ollos.

E o estereotipo do rapeiro podre de cartos con modelos en limusina?

(Risas) Eu non coñezo a ningún rapeiro amigo meu que estea montado no dólar.

Comentarios