Normandía

Normandía?

A PELÍCULA ‘Casablanca’ deixoume dúas preguntas importantes: O ‘café américain’ de Rick acabou sendo traspasado? Onde se dirixiu o avión no que montará Ingrid Bergman tras despedirse de Humphrey Bogart? Segundo lin onte, dirixíase a Lisboa. A cidade era o campo de batalla da intelixencia internacional en 1942. Centenares de espías conspiraban mentres xogaba ao black jack nos casinos; entre eles, Garbo e Graham Greene. Garbo tivo un papel fundamental no desembarco de Normandía porque os alemáns non agardaban o lugar nin o momento. O temporal que se anunciaba apra eses días era tan bravo que o encargado da defensa nazi, Rommel, regresou a Berlín para celebrar o aniversario da muller. A vida e morte de milleiros de soldados aliados estaban escritas nun parte meteorolóxico. O Día D amenceu manso. O alba prodúcese todos os días, pero non sempre tan claro como nos apetecería. O amencer dos reis abicados, dos líderes da oposición que renunciaron e dos alcaldes dimisionarios non é agradable, pero teñen que vivilo. Na ría de Ribadeo tamén alborexa a cotío. Amenceu cando a atravesaron os piratas de Drake ou as goletas que marchaban a A Habana. Eses amenceres tamén os viviron os mercantes que cargaban metais galegos para reforzar as blindaxes que defendían as praias de Normandía.

Comentarios