sábado. 07.12.2019 |
El tiempo
sábado. 07.12.2019
El tiempo

Nordés

O luns de Pascua deixa aos ferroláns o sabor doce e primaveral da romaría da Virxe do Chamorro, tamén chamada Nosa Señora do Nordés. Este vento, frío e decote seco, tráenos en poucas ocasións fortes bategadas de chuvia. Xa o di o refrán: ''De Nordés a chover e o borracho a beber nunca se dan por encher''.

As nubes propias de abril que moitos confrades saudaron con mágoa foi recibida con alivio por unha terra sedenta a causa dun inverno excesivamente seco. Ademais, e por se fose pouco, o paso do fenómeno Klaus deixou tras si milleiros de árbores mancadas no Ortegal.

Aquelas que non foron arrincadas ou tronzadas amosan as follas secas polo efecto do salitre que unha noite cabalgou ás carreiras pola cartografía galega, con especial virulencia no litoral do golfo Ártabro a Bares. O monte ferido pode agora arder co simple pestanexar dun misto.

Talvez moitos romeiros rogaron á Virxe do Nordés auga a mares para aplacar o altísimo risco de incendios da tempada. Pero, e por se se despistase a divindade, os equipamentos antiincendios deben permanecer en alerta. En canto non mude esta forma irracional de explotación do monte galego, o investimento en brigadas e as imaxes dantescas das lapas han ser a nosa eterna penitencia.

Nordés
Comentarios