Non ven explicación lóxica

FOI NOTICIA de primeira plana no diario El Progreso do 31 de marzo o aumento de suicidios, en febreiro, na provincia de Lugo. Seica os expertos non lles ven explicación lóxica a estas desgrazas. Non ven explicación lóxica, aínda que apuntan a unha serie de detonantes.

É lóxico que non vexan explicación lóxica, valla a redundancia. Se a lóxica é o xeito de razoar e actuar con sentido común, é difícil de entender que as persoas que prescinden do ben máis prezado actúen con lóxica. Porén, e vou acudir agora a un xeito de denominar eufemisticamente o suicidio, quen morre por propia vontade? Cantos e cantas dos que se quitan a vida actúan libremente? A súa lóxica axústase, na forma, á da maioría. A diferenza está nas premisas que manexan. Poñamos como primeira premisa un problema real, por exemplo o desafiuzamento da vivenda por non poder pagar a hipoteca. A segunda, a de que non existe outra saída que a morte, sempre é falsa. E, xa se sabe, se no raciocinio unha das premisas non responde á verdade, a conclusión é necesariamente errónea.

Por iso os homes e mulleres que máis saben destas cousas, psicólogos e psiquiatras, aconsellan que, quen se sorprenda a si mesmo sopesando esta posibilidade, llo conte a alguén. Verbalizalo é, xa de seu, un xeito de obxectivalo, de botalo fóra. Asemade, a persoa confidente poderá, coa cabeza máis fría se non está directamente implicada no problema, contemplar outras saídas, todas mellores que as da autoexecución porque, para dicilo (case) co título dun libro de María do Carme Kruckenberg, vivir é unha aventura irrepetíbel.

Deixando á parte as depresións endóxenas, esas que, en principio, non se deben a causas externas; aclarando, tamén, que non pretendo acusar a ninguén destas mortes, coido, si, que terían que levar a reflexionar aos xestores dunha serie de institucións que están na orixe de moitos desesperos. E, por riba de todos eles, aos que teñen o poder e non o usan para atallar tantos abusos e sevicias.

Algo terá que ver no desespero o feito de que catro de cada dez galegos sen emprego non cobren ningunha prestación. Non debe ser moi bo para o ánimo que os bancos, rescatados por todos e todas nós, non restitúan os cartos roubados nas preferentes. Pouco axudan ao optimismo as longas listas de espera e os recortes na sanidade pública. Suman carraxe os abusos das empresas de electricidade, gas e telefonía, coas que resulta case imposíbel falar directamente para aclarar cuestións nas que sempre os perdedores son os mesmos. Manca a presión fiscal sobre os que menos teñen. Fere a lentitude da xustiza.

Malia todo, vivir é o que importa.

Comentarios