''Non sei como dan feito as nais que crían os seus fillos sen axuda''

A fotógrafa Yolanda Purriños quere conquistar o mundo, pero sen deixar atrás Vilalba

1. ¿Que é o que máis lle gusta e lle desgusta do seu traballo?

O que máis me gusta é poder facer fotos constantemente e coñecer xente a diario. O que menos, non ter o don da ubicuidade e dedicarme só a producir en cámara e no ordenador, sen poder estar máis no mostrador. .

2. Se volvese empezar, dedicaríase a...

Ao mesmo, crear e expresarte a través dunha cámara é algo realmente máxico.

3. ¿Estraña algo do que foi deixando atrás?

As reunións cos amigos, que agora son máis esporádicas.

4. O soño que máis se repite é...

Que me toque unha boa lotería para poder fotografiar sen presión, sen horario, sen axenda...

5. ¿A quen admira?

Ás nais solteiras e independentes que crían os fillos sen axuda. Agora que son nai, non sei como dan feito elas soas.

6. ¿Hai algo do que se arrepinta que se poida contar?

Non: ao feito, peito.

7. ¿Que cita subscribiría?

«Hay mil formas de hacer fotos, pero no todas son lo mismo. Todos usamos un bolígrafo para escribir, pero no todos somos escritores», de Miguel Oriola.

8. ¿Votou nas últimas eleccións?, ¿atrévese a dicir a quen?

Si, pero polo visto dá igual a quen votemos, tódolos políticos teñen o mesmo defecto: pensar neles mesmos no canto da cidadanía.

9. ¿Que coche ten?

Un Mitsubishi.

10. ¿Cal foi o antoxo máis caro que ten mercado?

Non son moito de antoxos, pero si algún día teño algún e está dentro das miñas posibilidades, mércoo, ¡para iso se traballa!

11. ¿E o seu ben material máis prezado?

Os álbumes de fotos, porque fan lembrar cousas... Contan toda a nosa vida.

12. Unha toleada que fixera por amor...

Desaparecer do mapa durante un tempo.

13. ¿Hai algo que non lle perdoaría a súa parella?

Tería que verme na situación, xa que todo ten unha explicación.

14. ¿Teñen algún pacto?

Falar tódalas cousas para que todo funcione con transparencia.

15. ¿Envéxalle algo ao outro sexo?

Si, poder orinar de pé nalgunha situación difícil que se dá ás veces...

16. ¿Que libro ten na mesiña de noite?

‘Bésame mucho’, de Carlos González, sobre a crianza dos nenos.

17. Non sae da casa sen...

Bolso.

18. ¿Que pecados capitais desculpa?

O que máis, a gula.

19. ¿Que é o que nunca falta na súa neveira?

¡Leite!

20. Pérdea un bo..

Chocolate negro con améndoas.

21. Unha peza que deteste...

Os axustadores wonderbrá.

22. As súas mellores vacacións...

Na India e nas Maldivas.

23. A súa viaxe soñada sería a...

Volver á outra parte da India.

24. A paisaxe que máis a impresionou...

En Exipto, as súas impresionantes e antiquísimas construcións.

25. ¿A súa materia pendente?

O inglés.

«COA MIÑA IRMÁ NON TEÑO PIQUES»

1. A súa traxectoria profesional pinta unha estela ascendente recoñecida con importantes títulos, premios e nominacións, como aos Goya. ¿Non a tentan Nova York ou Berlín, as mecas artísticas?

Penso que non. O meu traballo é moito máis sinxelo que todo eso: quero estar sempre ao día nas novas técnicas e con proxectos para non caer na rutinas, pero sen máis pretensión que seguir formándome como persoa e artista.

2. A súa faceta de conferenciante tamén a ten levado dentro e fóra de España, pero segue apegada a Vilalba...

Aquí teño un bo traballo, a vida é relativamente tranquila e podo compaxinar a obra persoal coa fotografía social, que é o que máis fago. A vida familiar é máis levadeira e inspiradora que na cidade e a relación cos cliente máis familiar. Todo eso enriquece.

3. Traballa man a man coa súa irmá, ¿tiveron algún ‘pique’?

Todo o contrario, ¡e iso que estivemos nominadas xuntas e nos mesmos apartados a premios! Apoiámonos para lograr obxectivos e somos complementarias. Eu quéroa moito.

Comentarios