''No sabía qué era este oficio''

Antonio Pereira, onte en Lugo (Foto: Sebas Senande).
photo_camera Antonio Pereira, onte en Lugo (Foto: Sebas Senande).

Antonio Pereira empezou a traballar como director artístico sen saber o que era iso. «Foi unha liada de Jorge Coira», lembra este lucense que traballa en cine, televisión e teatro. Aprendeu ben o oficio e onte falou en Lugo sobre el no ciclo Leccións de Cine

Antonio Pereira mantén unha exposición permanente do seu quefacer en Trama de Lugo. O escaparate desa libraría está realzado permanente por algunha idea deste lucense que onte falou sobre o oficio de director artístico en Lugo. Pereira participou no ciclo Leccións de Cine, que organiza o club cultural Valle Inclán sobre a proposta de que lucenses profesionais do cine reflexionen sobre os seus oficios baseándose na película ‘Vértigo’ de Alfred Hitchcock.

Iniciouse no seu traballo ao tempo que se informaba de que había alguén que se responsabilizaba de que o bico que lle dá James Stewart a Kim Novak en ‘Vértigo’ ante unha retroproxección pareza unha apaixoada entrega ao borde do mar.

«Eu coñecía a Jorge Coira e a Luis Tosar de facer xuntos teatro no instituto da Virxe dos Ollos Grandes de Lugo», comenta. Grazas a esa coincidencia e a que se «deixaba liar» polo futuro director empezou a traballar como actor nas curtas do amigo. «Despois lioume para director artístico, que eu nin sabía o que era, e non me volveu a chamar como actor», lembra. Dende aquela, ambos os dous avanzaron un canda o outro nas súas carreiras, «dende ‘O ano da garrapata’ ata ‘ 18 comidas’».

Arquitectura

Antonio Pereira estudou Arquitectura na Coruña para acabar deseñando exteriores e interiores de negocios e vivendas con espazo abondo para que unhas cámaras e un equipo de filmación poda moverse dentro e fóra deles, e ás veces, a través deles.

Cambiou a escola da Zapateira que o detinaba a ser un profesional colexiado polos estudos da produtora Continental, para a que empezou a traballar nos anos 90. «Esa foi a miña escola», recoñece.

‘Vértigo’ foi candidata aos Oscar pola súa dirección artística. Como responsable figura, casualmente, Hal Pereira. Ningunha relación. De feito, Antonio aclara que «firmou catorce ou quince películas nun mismo ano; algo imposible, polo que debía de ser un supervisor. Daquela tiñan personal en plantilla, agora faise un equipo para cada traballo. Quen o fixo nese caso foi Henry Bumstead». Bumstead foi quen se ocupou, logo, de debuxar os escenarios, facerlles unha maqueta, reproducilos e montalos. «Agora utilizo un ordenador portátil», apunta o director artístico lucense, se ben recoñece que «nalgunha ocasión, fixen unha maqueta porque, por moito que che amosen en 3D, hai cousas que non te fas idea dos espazos». O labor de Pereira consiste, maiormente, en deseñar e dirixir, «o que non quita que faga a miña bricolaxe, que bote unha man ou que axude a resolver algunhas dúbidas porque non podes dar todo machacado».

As primeiras encargas foron para unha serie de televisión. As tendencias actuais incrementaron notablemente o traballo en exteriores. «Hitchcock prefería os interiores, quizais porque tiña máis controlados os horarios e as condicións de traballo. Hai esceas que empezan cun plano longo nun exterior e acaban nun plano curto nun interior. Nótase moito, pero era unha convención que se aceptaba», apunta.

Esa tendencia viuse invertida, polo que a profesión de Pereira compliucouse. «En plató sempre tes todo máis controlado; fóra hai que colocar e camuflar».

Antonio Pereira confesa que hai oportunidades na que tamén se camufla en interiores. «Cando che fai falta unha porta ou unha ventá nunha serie, é habitual que vaias ao almacén para botar man dunha porta ou unha ventá que quedara gardada doutra serie».

Moitos dos decorados que se crean para un produto, acaban almacenados nunha nave da produtora, «pero o resto das cousas, coma poden ser os mobles, devólvense porque se alugan por un tempo concreto».

Determinar eses prazos é máis habitual no cine, pero houbo na serie que lle levantou a peor dor de cabeza da súa vida profesional. «Había unha farmacia e queriamos decorar os andeis con botes que levasen os nomes dos fármacos», confesa.

Como ignoraban os anos que ía durar a rodaxe, no se atrevían a pedilas nin alugalas. A sorte presentouse na mesma localidade de rodaxe, en Betanzos, «onde atopamos tres modelos nunha ferraxería e o propietario ofreceunos a posibilidade de rotulalas cos nomes das medicinas que quixésemos nós».

Comentarios