Non poñan as mans sucias sobre a paz

TODAS AS persoas que amamos a paz (e vimos sendo a inmensa maioría, incluída a maior parte das que se manifestaron en Madrid), sabemos que este ser abstracto se concreta na mesa posta, o leito quente, a sanidade universal e gratuíta, o ensino de calidade, a axuda á dependencia… e pouco máis. Pouco máis, pero nada menos. Alguén o resumiu así hai moitos anos: xustiza, e paz. Dito doutro xeito, se hai xustiza, hai paz.

Por iso todas as persoas que amamos a xustiza (tamén a maioría das que se manifestaron pacificamente en Madrid, e esas con máis razón) contemplamos abraiadas os sucesos que, ao fío dos informativos da tarde, se empezaron a producir na xornada da Marcha pola Dignidade, o pasado domingo . A violencia non estaba prevista, porén fíxose presente e, segundo contan, colleu desprevidos, valla a redundancia, a uns e a outros, a manifestantes e a unha parte das chamadas forzas de orde.

Como en todas as guerras, que dalgún xeito esta o foi, a primeira vítima é a verdade. Mesmo para quen preferimos equivocarnos por pensar ben antes que atinar por pensar mal, algo cheira a podre. Por iso as dúbidas proliferan como os cogomelos nun outono propicio.

Poderiamos pensar que se trata dos violentos de sempre, eses que, fartos de adrenalina e desarraigo, rebeldes con ou sen causa, a tempo e a destempo, aproveitan calquera ocasión para lle dar saída á rabia e frustración que levan dentro. Algúns habería. Poderiamos pensar en rebentadores profesionais, dispostos a tirarlle lexitimidade á voz do pobo que, pacificamente, repito, se expresa do único xeito que pode, farto dun goberno polo que non se sente representado ao parecerlle que non o ten en conta. Algúns habería tamén. Pero son o desconcerto do sector da policía en que se produciron feridos e as confusas declaracións chegadas doutra parte, a lle atribuír as agresións e desfeitas a unha suposta organización terrorista galega, os que xeran máis dúbidas. Nunha cadea de mentidos e desmentidos, despois de ampliar a pertenza dos grupos organizados a máis territorios do norte da península, mesmo comparece o Delegado do Goberno en Galicia para asegurar que non hai probas contra unha soa persoa da organización antes citada.

As persoas que amamos a paz e rexeitamos a violencia, e repítome máis unha vez para dicir que a inmensa maioría do pobo, pedimos encarecidamente que non xoguen con ela, que lle tiren de riba as mans sucias da mentira, veña de onde veña. Unha cousa é verdade e desa non temos dúbidas: o pobo pide xustiza e, se non lla fan, a paz fuxirá lonxe e coñeceremos o verdadeiro peso da violencia. Da outra violencia, porque a estrutural xa a temos aquí e sabemos do seu saibo amargo.

Comentarios