Non noticia

Non noticias, boas noticias, asevera a máxima xornalística. E, por desgraza, cada vez menos é así porque as razóns polas que un acontecemento é ou non noticia dependen máis de múltiples factores cós estritamente noticiables.

Conscientes disto, Médicos sen Fronteiras fai un informe anual en que sinalan 'As dez crises humanitarias máis desatendidas de 2008'. Todos os anos gardo o informe e procuro relelo de cando en vez como antídoto contra o esquezo por un lado, contra a indiferenza polo outro, contra as propias obsesións da actualidade inmediata as máis das veces.

A oenegué sinala que en 2008 esquecemos a fame de Somalia, as necesidades sanitarias de Myamar, a violencia de Zimbaue, a guerra do Congo, a asistencia en Etiopía, os combates de Paquistán, o sufrimento de Sudán, a miseria civil en Iraq, a batalla sanitaria contra a sida e a desnutrición. Todo isto o esquecemos nas noticias e no noso día a día.

Estas palabras, escritas días antes da xornada electoral, son un exercicio de vontade e de esperanza turrona. De que a realidade que nos envolve tan machaconamente, tan inducidamente guiada polos medios non nos faga esquecer o outro.

O que non contan os medios e está aí. Traxicamente, a súa fame, a súa dor, as súas miserias seguen aí. Cando nós non falamos arestora máis que do resultado dos comicios galegos.

Comentarios