''Non me desvinculo da política, nacín con ela e non son capaz''

Paula Vázquez.
photo_camera Paula Vázquez.

Concelleira polo PSOE dende 2007, Paula Vázquez (Sarria, 1982) formalizará a súa dimisión no vindeiro pleno. A renuncia non é un adeus á política, na que se mantén como secretaria xeral dos socialistas sarriaos.


asegura que a renuncia á acta de concelleira se debe a «cuestións laborais». pero que ela leva a política no sangue. Vinculada ó PSOE dende os 15 anos e «doída» polo resultado das municipais, a que foi edil de turismo co tripartito ve preciso renovar o partido e amosa o seu apoio a Elena Espinosa.

Di na súa carta de despedida que estes anos de concelleira cambiáronlle a vida. En que sentido?

Para os que nacemos co rol de políticos, poder adicarte a ela nun equipo de goberno municipal e ver plamado na rúa o que fas é algo que te cambia por dentro. Sentes unha satisfacción persoal moi forte, orgullo do que estás facendo, cambia a perspectiva da vida...

Primeiro foi Carme Conde, logo Ana Arias e agora vostede. Tres renuncias de concelleiras socialistas nos dous últimos anos poden dar lugar a moitas interpretacións.

Non hai nada detrás, no meu caso quero sacar adiante unha pequena empresa e iso da moito traballo. Unhas dimisións non teñen nada que ver coas outras e non creo que se poida facer outra lectura.

Amósase textualmente «molesta, doída e enfadada» co resultado das eleccións municipais en Sarria.

Si, moléstame moitísimo porque traballamos con ilusión, creo que fixemos moitas cousas e que non foi xusto. Cando fas todo o posible para que as cousas avancen e saes á rúa e o ves, que non o recoñezan é duro, molesta e enfada.

A que o atribúe?

Posiblemente non fixemos a mellor das campañas e a campaña do PP e doutros partidos independentes foi moi sucia contra nós. Tamén influíu a crise, a situación do partido a nivel nacional...

Como secretaria xeral do partido e membro do anterior goberno, séntese responsable do resultado?

Si. Todo os que temos un carné de militancia sentímonos responsables dalgún xeito e se temos responsabilidade orgánica e institucional por suposto que máis.

Se o PSOE estivese no goberno, dimitiría ou seguiría sendo edil?

Non o sei, as circunstancias da miña vida cambiaron. Non sei o que pasaría se tivésemos gañado.

Con que se queda destes anos?

Coa sensación de ver que organizas algo e que a xente o disfruta, como no caso do Tapicheo. Tamén coa aprobación do plan de encauzamento porque estabamos facendo algo moi importante para Sarria. E o mesmo pasou co PXOM.

Como son as relacións co seu predecesor na secretarí­a xeral, Miguel Ángel Fernández, e co exalcalde, Claudio Garrido, e demais compañeiros do anterior goberno?

Con Miguel Ángel boa, non teño ningún tipo de problema con el. E con Claudio e o resto dos membros do anterior goberno, estupenda.

Este ano toca eleccións a executiva local. Pensa presentarse de novo?

Non o pensei aínda, pero non me vou desvincular da política porque non son capaz, é algo que levo moi dentro e co que nacín, penso que é a única forma posible de cambiar o mundo e que fai falta cambialo. Quero seguir en política.

Di que anuncia agora a súa dimisión para que ninguén se chame a enganos. A que se refire?

Esta fin de semana hai congreso nacional e eu voi apoiar a Elena Espinosa. A dimisión é algo ó que lle dou voltas dende que empecei coa empresa e non quero que se poida deducir que me vou porque gañou un ou outro candidato.

É entón dos que cre que o partido socialista precisa un cambio?

Necesita moitos, non estamos seguindo a liña que deberiamos, ou empezamos a poñernos as pilas ou o que empezou a pasar nas municipais vaise multiplicar.

Comentarios