''No hay que darle importancia a los problemas''

Foto: CRISTINA PÉREZ
photo_camera Foto: CRISTINA PÉREZ

A CARLOS CAMPO sempre lle gustou levar boas novas. Trinta e sete anos estivo como carteiro. Comezou por Bazar e Coea, pero máis tarde fíxose cargo tamén da Ponte de Outeiro, Pacios e Prevesos, no concello de Castro de Rei. En case catro décadas a voltas coa correspondencia, por forza, houbo de todo. «Días mellores e peores», apunta. Cartas con esperanza e sobres cargados de amargura. A existencia mesma na caixa do correo. A vida en retallos epistolares que sempre chegaban ao seu destino.

Acaba de cumprir 65. Ata agora pode ben con eles. Móntase na bicicleta e percorre máis de cen quilómetros cada día. As distancias son sempre máis pequenas para este excarteiro chairego. Sabe gozar da vida e aínda lle queda tempo para ensinarlles aos demais a vivila. É quen de zugarlle todo o zume e compartilo en doses sempre abondosas. Un home bo e xeneroso, coa man sempre aberta para dar. O que hoxe chaman un corazón con patas.

Foi presidente do Centro Cultural Ignacio Rey Stolle, probablemente no momento de maior actividade. Fixo desa institución un soporte da cultura, pero tamén acabou por convertela nun auténtico foco de desenvolvemento comunitario. Un punto de encontro para os veciños, para traballar xuntos e por todos. Tamén mostrou o seu apoio decidido ao deporte de base e ás competicións locais. Axudou a pagar trofeos, camisetas ou balóns. O que fose preciso.

Como bo deportista, gústalle gañar, pero tamén sabe perder. Un afeccionado confeso do Atlético de Madrid ten que ser así. O equipo dos seus amores deulle «algunhas alegrías e bastantes desgustos». Aprendeu a encaixalos. Ve o fútbol en branco e vermello, pero sabe ser elegante na victoria e máis aínda na derrota.

Tamén entrou en política. Maniféstase unha persoa de ideas firmes, pero non chegou a quedarse moito tempo. Formou parte da corporación municipal de Castro de Rei, polo PSdeG-PSOE, durante un mandato. Volveu máis tarde a apoiar o proxecto socialista no municipio, pero xa non dende a primeira liña. As súas fortes conviccións, nunca lle impediron, en todo caso, ser moi respectuoso coa ideoloxía e o xeito de pensar dos demais. Tolerante con todos.

Na súa maneira de ser, sen dúbida, algo terá que ver o xeito no que encara os tropezos do día a día. Sempre con boa cara. Mirando cara adiante. Nunca falta unha palmada súa nas costas: «Non lles fagas caso, non lle deas importancia aos problemas», di sempre. Mañá amence de novo.

Más en Noticias
Comentarios