Non hai dous sen tres

Antes de que eu empece a escribir e vostede a ler, quero deixar claro que o contido desta columna non é un ataque persoal a ninguén e que non é o meu propósito que alguén personalice esta opinión. Sabemos todos que é época de recortes, de intentar reducir o que ata o momento fora un gasto sen xeito e sen límite apoiado en máis luxo e en máis vicio do que a relación ingreso-gasto permitía. Os recortes afectan case todos os eidos, mesmo aqueles que poderían parecer intocables, como a sanidade, a educación ou, incluso, o propio estado do benestar.

Tanto no ámbito sanitario coma no educativo entenden os que gobernan que cómpre reducir persoal, unir esforzos e facer o mesmo con menos recursos. As baixas do profesorado non se cobren, os centros de investigación teñen que dicir adeus a xente brillante e, en definitiva, tanto a calidade educativa como a sanitaria vese minguada.

Non entanto, resulta sorprendente que cando non hai cartos nin para os protectores gástricos seguimos vendo nos organismos públicos a pares ou tríos de conserxes mirando para o aire toda a mañá, máis bibliotecarios que lectores, bedeis convertidos en férreos lectores para matar o aburrimento ou un garda de seguridade por case cada traballador. ¿Quen achega máis valor á sociedade? ¿Quen xera máis coñecemento? Non entendo por que se seguen cubrindo postos de administración e servizos cando non cada vez hai menos cualificados aos que administrar.

¿Non sería mellor substituír o médico e non o conserxe? Sei que os centros teñen que abrir as portas, ¿pero vai entrar alguén a traballar?

Comentarios